A youtubeira galega Isabel Villanueva presenta en Londres Palabras da miña vida
xoves, 3 de outubro do 2019
Este
domingo 6 de outubro, entre as 11,30 e as 13 horas, celebrarase en
Londres a presentación do primeiro libro da youtuber Isabel
Villanueva, mais coñecida coma Isashopaholic, no St John´s
Hill Centre da capital inglesa. Trátase
dun evento organizado pola asociación Rede Galega en UK (REGA-UK) en
colaboración coa Axencia de Representación da escritora. A
presentación vén cos mellores precedentes: o 2 de maio deuse a
coñecer o libro O
galego mola. Palabras da miña vida na Fnac da Coruña e logo
comezou un periplo de éxito polas feiras máis relevantes da nosa
terra. Agora, a Isashopaholic tócalle dar o chimpo a Londres.
A
presentación ten entrada libre ata completar aforo. Ademais,
servirase café, té e biscoito caseiro. Segundo informa a REGA-UK,
as persoas que asistan á cita terán a oportunidade de falar coa
autora, mercar o libro e levalo asinado. Tamén poderán descubrir
“en primicia” unha pequena mostra da liña de complementos que,
baixo a súa marca de Isashopaholic e O galego mola, a
autora ten previsto lanzar a finais deste ano.
Isabel
Villanueva Mariño, nacida en Carballo, lánzase ao mundo da
comunicación dixital no 2010 cun vídeo en YouTube. A xeito de
afección foi pendurando vídeos variados, de cousas cotiás que lle
gustaba compartir. Pouco a pouco foi medrando en todas as redes
sociais, pero hai dous anos foi cando deu o salto definitivo para
adicarse profesionalmente á xestión da súa marca persoal e, máis
tarde, crea O galego mola (https://www.ogalegomola.com),
un lugar onde comparte coas seareiras e seareiros o idioma,
lembranzas, impresións, reflexións, receitas en galego e lugares de
Galicia.