ABANCA leva as vantaxes de negocio do Big Data ao comercio galego
xoves, 20 de setembro do 2018
Que
facer se temos un comercio e queremos descubrir o que lle interesa de
verdade aos nosos clientes e o que está a facer en competencia en
materia de innovación? Pois, para comezar, hai un mundo tecnolóxico
de datos e ferramentas de análise e comunicación ao noso dispor.
Nesta liña insírese o
novo servizo que vén de presentar ABANCA, o servizo Alavuelta
descubre, destinado a incrementar o negocio dos comercios a
través, precisamente, cos contidos xerados a cada intre pola
comunidade de compradores e vendedores. O que se vén chamando Big
Data pero aplicado ao comercio.
A
idea da entidade financeira é axudar aos pequenos e medianos
empresarios a “tomar as mellores decisións sobre como xerar
oportunidades de negocio”, segundo explica Jorge Mahía, director
de Márketing, Intelixencia e Dixital de ABANCA, que engade que o
servizo é de balde e está xa a disposición dos comercios que
conten cun TPV da entidade galega e mailo seu servizo de Banca
Electrónica de Empresas.
A
través de Alavuelta descubre os comercios accederán a
información estatística sobre os seus clientes, as súas vendas e o
seu negocio. Entre outras cousas, poderán coñecer a evolución das
vendas con respecto ás da competencia ou saber o posto de
facturación do comercio con respecto ao sector. Ademais, o dono do
negocio disporá de información agrupada do sexo e a idade dos
grupos de clientes que compran no comercio e poderá coñecer cando
compran máis os clientes.
ABANCA
tamén salienta outro tipo de coñecemento a disposición dos
empresarios: a súa contorna de influencia. Ou sexa, en que códigos
postais residen os clientes que mercan no seu establecemento, o que
lles valería para achar as localizacións óptima para captar novos
compradores e mantelos no tempo. “Tamén poderá saber o gasto
medio dos seus clientes para poder deseñar e adecuar as súas
ofertas en función do importe medio de compra”, engade a entidade
galega.