ABANCA permite enviar efectivo dende o móbil a través de Siri

mércores, 14 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Os clientes de ABANCA son os primeiros dunha entidade financeira española en poder realizar, empregando unicamente comandos de voz, operacións de envío de cartos en efectivo desde un teléfono móbil para a súa retirada polo destinatario nun caixeiro automático. ABANCA Cash, o servizo de ABANCA que permite este tipo de envíos de diñeiro, incorpora desde este momento a opción de operar a través de comandos de voz co asistente Siri de Apple.
ABANCA engadiu á súa aplicación de banca móbil unha nova opción exclusiva de Siri a través da que os usuarios poderán activar ou desactivar esta posibilidade e configurar os datos necesarios para realizar operacións. Esta innovación reforza a funcionalidade da aplicación de banca móbil de ABANCA. Cada mes os usuarios da banca móbil de ABANCA realizan máis de 17.000 envíos de diñeiro mediante ABANCA Cash, aproveitando a tecnoloxía HalCash, desenvolvida en España por un grupo de entidades financeiras entre as que se atopa ABANCA, e que facilita unha rede de 8.000 caixeiros integrados para a retirada de efectivo.
O uso de Siri fai máis sinxela a realización de operacións de envío de efectivo desde móbil co servizo ABANCA Cash. Para iniciar unha operación basta con dicir o xa coñecido «Oye, Siri», que permite activar o asistente coa voz, e logo unha frase do estilo «Envía 20 euros a María». A continuación Siri solicita ao cliente que especifique o concepto do envío de efectivo. Nos dispositivos iPhone 5s ou superior o remitente confirmará a operación utilizando a súa pegada dixital. Tras eses pasos Siri realizará a operación utilizando a banca móbil de ABANCA. O destinatario recibirá a través de mensaxe SMS a información necesaria para retirar o diñeiro nun caixeiro.

PUBLICIDADE