AGASOL amosará ás nosas PEME as posibilidades da aceleradora de proxectos abertos Finodex

martes, 14 de outubro do 2014 Redacción

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, AGASOL, e máis a entidade que aglutina as firmas de código aberto a nivel estatal, ASOLIF, celebrarán a finais deste mes en Compostela unha xornada informativa sobre as posibilidades actuais de obtermos financiamento e impulso europeo para as nosas iniciativas de software libre. Máis polo miúdo, trátase dun infoday convocado polas ditas asociacións co obxectivo de dar a coñecer o potencial dunha convocatoria concreta: a primeira edición da aceleradora Finodex (Future Internet Open Data Expansion). Lembrar que esta aceleradora xestiona un fondo de 4,64 millóns de euros destinados ao apoio de PEME e persoas emprendedoras con ideas de proxectos relacionados con aplicacións, produtos e servizos de datos abertos (open data).
Segundo nos contan AGASOL e ASOLIF, Finodex é unha iniciativa europea para xerar novos valores económicos e sociais baseándose na plataforma FI-WARE e na reutilización de datos abertos, axudando a empresas e emprendedores que buscan financiamento e soporte profesional para o desenvolvemento de novas aplicacións, produtos ou servizos.
Durante a xornada informarase aos asistentes acerca das dúas convocatorias abertas a través das que se seleccionarán ata 100 proxectos que utilicen FI-WARE e xeren produtos e servizos open data. Para iso, poderán obter ata 170.000 euros de financiamento en función da fase do proxecto acadada así como outros servizos de apoio.
O evento de presentación da primeira convocatoria, aberta o pasado 7 de outubro, celebrarase no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) de 9.00 a 13.15 horas. Na axenda de actividades inclúese a presentación de Future Internet PPP, da plataforma aberta FI-WARE, de experiencias de uso de FI-WARE, de iniciativas open data e os seus beneficios, e de toda a información relativa á convocatoria de Finodex (requirimentos da memoria e procesos de avaliación). Ao final da xornada, representantes de ASOLIF manterán até 10 reunións bilaterais sobre ideas de proxectos, previa solicitude. Ademais da xornada de Santiago de Compostela orientada a empresas de Galicia e provincias limítrofes, organizaranse sesións semellantes os vindeiros días 5 e 11 de novembro en Sevilla e Bilbao, respectivamente, esta última no marco de LibreCon.
Lembrar por último que Finodex é parte do Partenariado Público Privado de Internet do Futuro. Esta organización, formada pola Comisión Europea e as principais empresas do sector tecnolóxico comunitario, xerou a creación da plataforma FI-WARE durante os últimos anos.
A Comisión Europea porá a disposición 80 millóns de euros, a través de FINODEX e outras 15 aceleradoras, durante os dous vindeiros anos para que PEME e emprendedores de toda Europa poidan desenvolver os seus produtos grazas a esta plataforma tecnolóxica. A aceleradora Finodex é a única liderada por un socio español, Zabala Innovation Consulting e ademais participan na mesma Trento Rise (Italia), Europe Unlimited (Bélxica), Engineering Ingegneria Informatica (Italia), Copenhagen Business School (Dinamarca) e ASOLIF (España).

PUBLICIDADE