AGalega estrea a serie Na Gloria

mércores, 7 de febreiro do 2024

Esta tarde presentouse no Pazo de Vilaboa en Culleredo, onde se está a rodar estas semanas, a nova serie da CRTVG, Na Gloria, unha comedia dirixida ao público familiar que hoxe estrea o seu primeiro capítulo en AGalega, a plataforma de vídeo baixo demanda da Televisión de Galicia.
A serie está protagonizada pola actriz galega Cristina Castaño, o intérprete andaluz Dani Rovira, Xosé Antonio Touriñán, David Perdomo e Lucía Veiga. É un proxecto orixinal de Andrés Mahía, Xosé Castro e Xosé Antonio Touriñán, coa produción de Tex45 e Undodez.
A trama desenvólvense na imaxinaria A Gloria, unha pequena localidade ao pé do Camiño Francés onde unha executiva en crise existencial (Cristina Castaño) decide darlle un cambio radical á súa vida e converter a casa dos seus avós nun hotel para peregrinos. Para levar a cabo o seu soño contará coa axuda do seu mellor amigo, un chef vegano de fama internacional (Dani Rovira). A chegada dos dous chocará coa vida da aldea, en que a protagonista viviu os felices veráns da infancia, pero onde agora vai atopar todo tipo de situacións de estrés.
Esta comedia de 15 capítulos, dirixida ao público familiar, retrata o choque de dous mundos: o dos urbanitas, que idealizan as bondades do campo, e o dos ruralitas’ que soñan coas oportunidades que lles foron negadas.