AMTEGA e o Banco de España activan na Rede CeMIT unha nova edición de Finanzas para todos
martes, 18 de febreiro do 2025
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), en colaboración co Banco de España, organiza unha nova edición da iniciativa Finanzas para todos, que ofrece á cidadanía “coñecementos básicos e as ferramentas necesarias para manexar as súas finanzas de forma responsable e informada nunha contorna dixital”, explicou a axencia autonómica, engadindo que as sesións comezarán o vindeiro 20 de febreiro na Aula CeMIT de Ortigueira e continuarán ata xullo nun total de 18 centros da Rede.
Como novidade, este ano a iniciativa conta con dous itinerarios formativos distribuídos en dúas sesións cunha duración de 7,5 horas cada un.
O primeiro dos itinerarios dedicarase ás finanzas persoais: o orzamento persoal e os seus compoñentes (ingresos e gastos e as súas clasificacións, aforro, inversión e endebedamento) como punto de partida para unha xestión segura e saudábel das finanzas persoais. A maiores realizaranse casos prácticos sobre contas, tarxetas e formas de pago, ao tempo que se ensina ás persoas usuarias como protexerse fronte á ciberdelincuencia nas operacións financeiras cotiás.
O segundo dos itinerarios servirá para afondar nos temas tratados no itinerario para ampliar a confianza da cidadanía no manexo das súas finanzas.
Durante as sesións formativas empregaranse ferramentas dixitais (por exemplo o paquete ofimático LibreOffice ou simuladores...) para ampliar as competencias dixitais e crear conciencia na seguridade dixital fronte aos riscos e, en particular, nas decisións financeiras cotiás.
As persoas interesadas en asistir a esta formación poden consultar as actividades programadas a través da páxina web da Rede CeMIT, na que poderán realizar a súa inscrición.