Abertas as oportunidades de patrocinio e os rexistros para o HackUDC 2025

mércores, 20 de novembro do 2024 S. P.

Do 21 ao 23 de febreiro de 2025, a Facultade de Informática da Universidade da Coruña será o escenario do maior hackathon de Galicia, o HackUDC. Este evento convida a estudantes de toda España a poñer a proba a súa creatividade e habilidades técnicas para desenvolver proxectos innovadores, sempre baixo unha licenza de software libre.
Durante tres días, os participantes traballarán en equipo para resolver retos propostos por empresas referentes do sector tecnolóxico e competirán por premios que superan os 3000 €. A maiores, a organización do evento (o Grupo de Programadores e Usuarios de Linux, GPUL) salienta que “o HackUDC ofrece un ambiente totalmente equipado para que as persoas asistentes poidan concentrarse ao máximo nos seus proxectos”. Haberá comida de balde, snacks ilimitados e duchas dispoñíbeis durante todo o evento.
“Este hackathon”, explican, “é unha oportunidade para gañar experiencia práctica e conectar cunha rede de estudantes, empresas e profesionais que comparten a paixón pola innovación e o software libre”.
O rexistro xa está aberto.
HackUDC 2025: Oportunidades de patrocinio abertas
O HackUDC non só busca “reunir os mellores talentos estudantís, senón tamén as empresas máis visionarias que queiran formar parte deste evento”. Deste xeito, as empresas patrocinadoras terán a oportunidade de propoñer retos, contribuír ao desenvolvemento da comunidade tecnolóxica e posicionarse como “líderes en innovación”.
Segundo explican dende o GPUL, “ser patrocinador de HackUDC significa moito máis que visibilidade: é conectar cunha comunidade de novos desenvolvedores e formar parte activa da construción do futuro tecnolóxico; ademais o evento ofrece unha plataforma para que as empresas presenten os seus produtos, servizos e iniciativas ante un público altamente cualificado e motivado”.
O HackUDC contou en edicións anteriores co apoio de empresas como Relacione e Inditex ou o Centro Tecnolóxico Gradiant.