Ábrense as reservas das Vision Pro nos EE.UU.

venres, 19 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

O vindeiro 2 de febreiro chegarán ás tendas estadounidenses as agardadas Apple Vision Pro, pero hoxe abriuse o proceso de reserva con grande expectación, xa que, pese ao seu elevado prezo, moitos querían ser os primeiros en vivir a experiencia revolucionaria que promete a compañía de Cupertino e sabíase que o número de unidades dispoñibles inicialmente ía ser bastante limitado polas dificultades para fabricar un produto tan complexo.
O feito de que os usuarios poidan reservar xa las Vision Pro desvelou moitas das incógnitas sobre o produto, como os seus distintos modelos (ofrecerase en capacidades de 256 GB, 512 GB e 1 TB con prezos de 3.499, 3.699 e 3.899 dólares respectivamente), o peso (que oscila entre os 600 e os 650 gramos en función do tipo de correa e tamaño do facial), o contido da súa caixa (que inclúe dous tipos de correas diferentes, funda protectora, batería, pano de limpeza e adaptador de corrente) e os accesorios dispoñibles (como unha batería adicional, unha funda de transporte e incluso un accesorio de Belkin que permite prender a batería a un cento ou pantalón para facilitar as experiencias en mans libres).
Os usuarios que acudiron á tenda en liña de Apple ás dúas da tarde de España (de madrugada nos EE.UU.) puideron conseguir encargar as súas Vision Pro para o propio 2 de febreiro, coa opción de recoller o produto en tenda ou recibilo na casa, aínda que segundo foron avanzando os minutos, en función do modelo de visor e do xeito de envío os prazos víronse alongados até que non foron poucos os que tiveron que conformarse con recibir as súas unidades xa no mes de marzo.
Non está nada claro de se estamos ante unha grande demanda do produto ou ante un volume de existencias moi limitado, polo que haberá que agardar semanas para saber a recepción do visor, que ao ter unha distribución tan limitada tamén vai contar con moi poucos contidos inicialmente (polo momento xa se sabe que YouTube, Spotify e Netflix non permitirán que as súas aplicacións para iPad corran directamente en Vision Pro, e tampouco teñen aínda desenvolvementos propios para o visor).
Dende Apple insisten en que o produto está destinado unicamente para usuarios estadounidenses, permitíndolles aos usuarios viaxar ao estranxeiro co dispositivo (de feito, conta cun modo de funcionamento destinado ao seu uso en viaxes de avión), pero iso quere dicir que non terán soporte fóra dos EE.UU. e só poderán funcionar con contas de usuario estadounidenses.
Polo momento non hai data para o lanzamento das Vision Pro noutros territorios, comentándose que os primeiros serían Canadá e Reino Unido, o que dá a entender que sería posible que tardasen bastante en chegar á Europea continental, coa posibilidade incluso de que a España chegase directamente o segundo modelo de visor.

Vídeo no que explican como sería unha visita guiada das Vision Pro

PUBLICIDADE