Ábrense as reservas do Sony Xperia 1 VIII a prezos absurdamente elevados

mércores, 13 de maio do 2026 Redacción

Sony anunciou o novo smartphone Xperia 1 VIII, un terminal de gama alta que aposta pola integración de Xperia Intelligence para mellorar automaticamente a experiencia fotográfica. O dispositivo incorpora un novo asistente de cámara con IA capaz de recomendar tons de cor, efectos bokeh e selección de obxectivos en función da escena ou do suxeito encadrado, coa intención de facilitar a creación de fotografías cun acabado máis creativo sen necesidade de coñecementos técnicos avanzados.
O sistema baséase na tecnoloxía Creative Look desenvolvida a partir da experiencia das cámaras Alpha, permitindo aplicar cun só toque distintos estilos de imaxe adaptados á situación. O asistente analiza factores como o tipo de escena, o obxecto fotografado ou mesmo as condicións meteorolóxicas para propoñer axustes personalizados.
A principal novidade do apartado fotográfico chega da man do teleobxectivo, que incorpora un sensor de 1/1,56 polgadas, unhas catro veces máis grande que o empregado no Xperia 1 VII. Esta mellora busca ofrecer fotografías máis detalladas e luminosas, especialmente en condicións de pouca luz. Sony asegura que as tres cámaras traseiras (16 mm, 24 mm e 70 mm) conseguen un rendemento comparable ao dunha cámara full-frame no relativo á redución de ruído e ao rango dinámico.
O procesado RAW multifotograma aplícase agora a todos os obxectivos, ampliando o HDR e reducindo o ruído nas escenas escuras. Tamén se mellora a conservación de detalle nas luces e nas sombras, así como a fidelidade cromática en situacións de alto contraste.
O Xperia 1 VIII introduce tamén un novo deseño denominado ORE, inspirado en materiais naturais e acompañado de catro acabados baseados en pedras preciosas en bruto: negro, prata, vermello e dourado. Sony indica que se aplicou un novo tratamento ás superficies laterais e traseiras para ofrecer unha textura máis agradable ao tacto e unha mellor adherencia.
Mantense o botón físico dedicado para o obturador da cámara, pensado para reproducir unha experiencia máis próxima á dunha cámara tradicional. O terminal continúa integrando unha conexión de audio de 3,5 milímetros, orientada aos usuarios que prefiren auriculares con cable e reprodución de alta calidade herdada da experiencia da gama Walkman.
O apartado de son complétase con novos altofalantes Full-Stage Stereo, que empregan unidades idénticas nos lados esquerdo e dereito para reforzar a separación estéreo, mellorar os graves e ampliar a escena sonora.
No interior do dispositivo atópase a plataforma Snapdragon 8 Elite Gen 5 de Qualcomm, coa que se promete un incremento do rendemento do 20 %. Sony destaca melloras na velocidade de execución das aplicacións, multitarefa, xogos e creación de contidos. A optimización enerxética tamén se estende ás aplicacións de navegación e mapas para reducir o consumo eléctrico.
A batería promete unha autonomía de ata dous días e unha vida útil de ata catro anos mantendo un bo estado de funcionamento.
O Xperia 1 VIII está dispoñible en reserva, tendo o modelo con 256 GB un prezo de 1.499 euros, e durante a campaña de reserva inclúe os auriculares WH-1000XM6. A versión ouro nativo con 1 TB de almacenamento venderase exclusivamente na tenda en liña de Sony por 1.999 euros. Este esquema de prezos xunto co feito de que Sony tería externalizado a fabricación dos seus móbiles deixa claro que a compañía nipoa non ten a intención de recuperar a súa posición de mercado, polo que manterá a súa irrelevancia comercial.

Vídeo de presentación do Sony Xperia 1 VIII