Achegan máis dun millón de dólares en 24 horas para o desenvolvemento dun videoxogo

xoves, 9 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

No pasado temos comentado algúns proxectos baseados no crowd funding a través da plataforma Kickstarter, tratándose habitualmente de produtos físicos, pero non ten por qué ser así, como vén de demostrar a xente de Double Fine Productions, estudo de videoxogos que optou por esta canle de financiamento para o seu vindeiro título, aspirando a conseguir 400.000 dólares para levalo adiante, o que conseguiron en só 8 horas e mesmo superaron o millón de dólares recadados en menos de 24 horas, rachando con todas as marcas anteriores en Kickstarter.
Hai que destacar que o máximo responsable de Double Fine é todo un veterano da industria, Tim Schafer, quen fixo historia con grandes xogos como Day of the Tentacle, Full Throttle e Grim Fandango, e promete agora recuperar este xénero (o dos point and click) e adaptalo aos novos tempos.
Este novo xogo desenvolverase durante 6-8 meses, proceso que poderá seguirse na Rede, e do que moitos poden formar parte con achegas económicas que van dende os 15 dólares (o que dá dereito a descargar o xogo a través de Steam dende a súa versión de proba). Os usuarios que opten por pagar 30 dólares tamén poderán facerse cunha serie de documentais en alta definición sobre o xogo e á súa banda sonora; os que paguen 100 dólares conseguiran un poster exclusivo do xogo; quen acheguen 250 dólares terá un dos posters anteriores asinado polo equipo de deseño do xogo (incluíndo a Tim Schafer e Ron Gilbert); quen pague 1.000 dólares farase cun retrato da súa persoa debuxado polo artista do xogo; quen pague 5.000 dólares 5.000 dólares poderá facerse cun debuxo orixinal empregado no xogo definitivo; e, finalmente, quen paguen 10.000 dólares poderá cear con Tim Schafer e Ron Gilbert e visitar as oficinas de Double Fine.


Vídeo de presentación do proxecto de Double Fine en Kickstarter

PUBLICIDADE