Acusan a Facebook de facilitar aos fabricantes de móbiles o acceso a datos de usuarios e amigos

luns, 4 de xuño do 2018 Marcus Fernández

A polémica ao redor do tratamento dos datos persoais que fai Facebook non cesa, e The New York Times botou máis leña ao lume ao asegurar que a compañía de Mark Zuckerberg compartiu con fabricantes de teléfonos móbiles como Apple e Samsung o acceso a datos de usuarios e dos seus amigos, espertando novas preocupacións por parte dos usuarios.
O xornal norteamericano asegura que un mínimo de 60 fabricantes (entre os que figuran Apple, Amazon, BlackBerry, Microsoft e Samsung) na última década, antes incluso de que as aplicacións de Facebook estivesen presentes de xeito habitual nos smartphones, Facebook tería chegado a acordos para compartir datos dos usuarios. Aínda que nun principio parecía que estabamos ante a típica colaboración básica, The New York Times asegura que foron máis aló do razoable, e Facebook permitiu que os fabricantes de smartphones puidesen acceder aos datos dos amigos dos usuarios sen o seu consentimento explícito, incluso despois de 2015, cando Facebook asegurara ter cesado este tipo de prácticas.
Como exemplo disto, o xornal estadounidense aseguran que no caso do seu reporteiro, Michael LaForgia, a aplicación Hub nun BlackBerry Z10 tras identificarse en Facebook tiña acceso aos detalles de 556 dos amigos de LaForgia, podendo chegar a conseguir información de até 294.258 usuarios que serían amigos dos seus amigos, ou sexa, que partindo de acordos ben intencionados poderían terse multiplicado as situacións que potencialmente serían como a de Cambridge Analytica.
Ante estas acusacións, Facebook tivo que lanzar un comunicado oficial amosando o seu desacordo ao artigo publicado polo The New York Times, e asegurando que os acordos cos fabricantes de teléfonos nacían da necesidade de integrar as funcionalidades de Facebook nos propios sistemas operativos dos terminais, xa que falamos dun momento no que as tendas de aplicacións aínda non estaban estandarizadas.
Aseguran que a plataforma que permitía gozar de Facebook en teléfonos sostíñase en acordos que impedían o abuso no acceso aos datos, e negan as acusacións de que permitían o acceso a datos de usuarios que non o autorizasen.

PUBLICIDADE