Adobe quere gañar presenza en dispositivos móbiles

luns, 15 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Adobe está a celebrar MAX, un congreso para creativos no que amosan moitas das novidades do seu software para os vindeiros meses, como son as actualizacións das principais aplicacións incluídas na suite Creative Cloud, á que incorpórase unha interesante novidade: Adobe Premiere Rush CC. Estamos ante unha nova aplicación de edición de vídeo de doado manexo orientada aos creadores de contidos para redes sociais, que busca simplificar a creación de vídeo e a súa publicación en plataformas como YouTube, Facebook e Instagram.
Premiere Rush está xa dispoñible para iOS, e en breve contará con versión para Android, facilitando así a creación de vídeo en mobilidade, facilitando tamén a integración de gráficos en movemento profesionais e facendo doado que os vídeos resultantes teñan un acabado profesional e poder así chamar máis a atención nas plataformas sociais.
Un anuncio sumamente importante foi a presentación dunha nova versión do Adobe Photoshop CC para o iPad, de xeito que a tableta de Apple xa non terá que conformarse cunha versión reducida do Photoshop (podendo abrir de xeito nativo ficheiros PSD e incluso aproveitar a nube para pode saltar entre o iPad e as aplicacións de escritorio de Photoshop para realizar certos traballos).
Na mesma liña tamén presentaron Project Gemini, unha aplicación de debuxo optimizada para acelerar os fluxos de traballo entre dispositivos. Chegará inicialmente a iPad en 2019 e permitirá combinar gráficos interpretados, vectoriais e pinceis dinámicos nunha única ferramenta de debuxo, que poderá sincronizarse cos nosos pinceis favoritos en Photoshop CC.

JPEG - 84.4 KB
Adobe Premiere Rush CC pdoe converterse nunha magnífica ferramenta para creadores de vídeo que queren traballar no escritorio e en mobilidade conseguindo acabados profesionais e publicando as súas creacions de xeito doado na Rede

PUBLICIDADE