
A primeira xeira de traballo levouse a cabo onte en Celanova. A través da proba, conseguiuse neutralizar un niño en apenas dez minutos, que foi, lembra Aerocámaras, “o tempo que tardou o dron en despegar, aproximarse ao cumio da árbore e inxectar a substancia no interior do niño”. Esta actividade levouse a cabo coa colaboración da Mancomunidade Terra de Celanova, cuxo presidente, José Antonio Pérez, e o xerente de Aerocámaras, Jaime Pereira, acompañaron ao presidente da Deputación de Ourense durante a demostración desta técnica. O presidente da entidade provincial, Manuel Baltar, felicitou a Aerocámaras e agradeceu a colaboración da Mancomunidade Terra de Celanova “porque este é un éxito medioambiental de todos”.
Pola súa banda, Javier Pereira explicou que a Aerocámaras leva traballando dous anos neste proxecto, cuxa innovación consiste na montaxe dun dron específico para combater a vespa velutina. Este vehículo, para levar a cabo o seu obxectivo, carrexa unha pértega estabilizada que posibilita a aproximación á árbore para poder inxectar un líquido no niño. “A vantaxe deste método de acometida aérea”, sinalou Aerocámaras, “é unha mellor accesibilidade, xa que en moitos casos a altura da colmea ou a súa inaccesibilidade, no medio do bosque, dificultan a aproximación”.
Aerocámaras e a Deputación de Ourense comezan a combater a velutina con drons
Compartir Este Artigo
