Age of Empires convértese no primeiro socio gaming do Louvre
mércores, 11 de xuño do 2025
Este verán, o emblemático Age of Empires fai historia ao converterse no primeiro videoxogo en colaborar oficialmente co Museo do Louvre, o máis visitado do mundo. A colaboración, que comeza o 10 de xuño, acompaña a exposición Mamelucos 1250-1517, centrada no extraordinario ascenso destes escravos militares convertidos en dinastÃa dominante en Exipto.
A través desta colaboración, os xogadores poderán afondar na representación dos mamelucos en Age of Empires II: Definitive Edition, Age of Empires III: Definitive Edition e Age of Empires IV. Como parte desta homenaxe á historia, o estudio World’s Edge desenvolveu un novo escenario exclusivo para Age of Empires II: DE, inspirado na mostra do Louvre e deseñado para achegar ao público o esplendor desa época.
A cooperación culminará o 12 de xuño cun fito sen precedentes: a primeira retransmisión en directo desde o Louvre, que incluirá partidas de Age of Empires II: DE e Age of Empires IV. O evento será conducido por Samuel Étienne, recoñecido presentador e figura destacada na comunidade francófona de Twitch.
Para completar a experiencia, durante todo o mes de xuño, o museo parisiense organizará obradoiros educativos nos que se empregarán mecánicas de Age of Empires II: DE para ensinar historia de maneira interactiva. Grazas ao chamado escenario do Louvre, os asistentes poderán mergullarse na historia a través dunha perspectiva lúdica e inmersiva.
Esta alianza representa un paso pioneiro na integración entre cultura clásica e videoxogos, consolidando ao medio interactivo como ferramenta válida para a divulgación do coñecemento histórico.