Alba Meijide achega este martes no CITIC unha conferencia sobre innovación responsábel

luns, 9 de decembro do 2024 S. P.

A Universidade da Coruña acolle este martes 10 de decembro, ás 12.00 horas e na Sala Cloud do CITIC, a conferencia Innovación Responsable, a cargo de Alba Meijide, destacada consultora e deseñadora de proxectos de Intelixencia Artificial. Esta charla forma parte do ciclo Converxencia Verde para un Futuro Sustentábel, abeirado ás actividades promovidas pola Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes.
Alba Meijide, licenciada en Intelixencia Artificial pola University of Manchester, conta cunha ampla experiencia no deseño de solucións baseadas en IA aplicadas a diversos sectores, como a medicina, as ciencias da saúde, os efectos visuais, a animación, o turismo e o ámbito legal. Na súa intervención, abordará como a sustentabilidade pode e debe integrarse nos procesos de desenvolvemento da IA.
En concreto, a charla afondará en como este tipo de ferramentas intelixentes en con capacidade de aprendizaxe poden contribuír a reducir o impacto ambiental, a través de aplicacións como modelos de predición de incendios ou ferramentas de análise do cambio climático. Ademais, exploraranse formas menos coñecidas, pero igualmente transformadoras, de empregar a IA para mellorar a eficiencia operativa e a sustentabilidade nas organizacións.
Alba Meijide ofrecerá exemplos prácticos de innovación responsábel, reflexionando sobre a importancia do deseño eficiente de sistemas e arquitecturas de IA e o seu impacto positivo na transición cara a modelos empresariais máis sostíbeis.
A asistencia ao evento é de balde e aberta ao público, previa inscrición.
A Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes ten como obxectivo promover a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento no ámbito da IA e dos algoritmos verdes co fin de contribuír ao desenvolvemento sostíbel e á protección do medio ambiente, sendo algúns dos obxectivos específicos os seguintes: desenvolver programas de formación en IA verde mediante, promover a investigación e a innovación no ámbito da IA verde mediante a identificación de retos e o fomento da cooperación público-privada; facilitar a transferencia e explotación dos resultados da investigación da cátedra mediante a comercialización de servizos e produtos e a creación de spin-offs; promover a difusión dos resultados da investigación e do coñecemento en IA verde mediante a publicación de artigos e a organización de eventos e actividades de divulgación e ciencia cidadá, e consolidar a cátedra como referente no ámbito da IA verde a nivel autonómico, nacional e internacional mediante a participación en eventos e grupos de traballo, a colaboración con outras institucións e a identificación de oportunidades de financiamento.
Un equipo de 20 persoas conforman a cátedra, 16 delas están adscritas ao CITIC da UDC. Do colectivo total, 10 son mulleres e 10 homes. Trátase dun grupo multidisciplinar “como é necesario na investigación en algoritmos verdes – sinala a investigadora principal do proxecto, Verónica Bolón- que require o apoio de grupos de investigación do campo da IA e da informática, de problemas medioambientais, e da investigación ética, social e económica”.