Alén Space e os grupos Photonics4life e EQ10, Premios á Transferencia de Tecnoloxía

mércores, 11 de decembro do 2019 Redacción

O de hoxe foi un día para enxalzar a innovación galega e a capacidade da nosa comunidade investigadora para trasladar ao tecido produtivo os seus importantes achados. De descubrimentos e salientábeis contribucións científicas e tecnolóxicas trataron precisamente os quintos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, que entregaron este mércores 11 de decembro a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Axencia Galega de Innovación (GAIN).
O presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Juan M. Lema Rodicio, reivindicou no transcurso da gala, celebrada en Santiago, a figura dos grandes precursores da transferencia de tecnoloxía en Galicia como “referentes necesarios para os investigadores e emprendedores”. Durante o acto, Lema destacou a contribución das figuras de Ricardo Bescansa, Francisco Guitián e Fernando Calvet (que lles dan nome ás tres categorías dos galardóns) á posta en valor do coñecemento científico no mercado.
Os premios, que este ano alcanzaron a súa quinta edición, recoñecen as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo, cunha dotación de 6.000 euros netos en cada unha das súas categorías. O certame está promovido pola RAGC, coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia.
A directora da GAIN, Patricia Argerey, subliñou que “a transferencia de coñecemento e a comunicación da ciencia son dúas pezas clave no impacto social da ciencia e da tecnoloxía”, xa que fan avanzar o benestar social e a sustentabilidade do planeta.
Participaron tamén na entrega dos galardóns o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López; o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde; e a vicerreitora de Transferencia da Universidade de Vigo (Uvigo), Mª Consuelo Pérez.
Durante a cerimonia foi entregado tamén o Premio Galicia de Xornalismo Científico, dotado con 4.000 euros netos. Silvia Rodríguez Pontevedra, redactora do diario El País, foi galardoada como autora da reportaxe titulada Las congeladoras toman el timón en la carrera científica por la cría del pulpo, publicada o 8 de xaneiro de 2019 na sección Materia e na que se na que se dá conta dos enormes avances e do desembarco de grandes empresas conxeladoras nos dous proxectos levados a cabo polo CSIC e o IEO para avanzar na acuicultura do polbo.
O Premio Ricardo Bescansa Martínez recoñeceu o mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía. Foi dar a Guillermo Lamelas, director executivo (CEO) da firma da UVigo Alén Space, adicada á fabricación de nanosatélites que permiten acceder a datos e comunicacións que ata hai pouco só estaban ao alcance de gobernos e grandes axencias espaciais. Lamelas sinalou que “os nanosatélites cambian as regras do xogo, permitindo que as empresas poidan contar cos seus propios satélites grazas a un custo ata cen veces menor cós convencionais”. Neste sentido, destacou que os fabricados e lanzados por Alén Space teñen un nivel de éxito nas súas misións do 100%.
Pola súa banda, o Premio Francisco Guitián Ojea, que destaca a mellor tecnoloxía aínda non transferida pero susceptíbel de ser aplicada ao sector empresarial, recaeu en María Teresa Flores, investigadora principal do grupo Photonics4life da USC, polo seu proxecto para fabricar modelos 3D capaces de reproducir sistemas biolóxicos sobre os que estudar patoloxías ou testar fármacos de xeito máis fiábel. Segundo explicou Flores, “o proxecto respondeu á demanda por parte do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) de contar con arterias e veas artificiais nas que simular o comportamento de fármacos para a arteriosclerose”. Logo de dez anos de traballo, conseguiron fabricar unha estrutura de arterias que é quen de soportar fluxo sanguíneo e nas que se poden facer cultivos celulares.
Amais, o Premio Fernando Calvet Prats, que distingue o mellor traballo de tecnoloxía xa transferida con éxito ao sector empresarial, foi para Ana Belén Moldes, do grupo EQ10 da UVigo, polo achado da presenza de biosurfactantes, unha clase de deterxente biolóxico, nos residuos da industria do millo. Moldes destacou que “os biosurfactantes son un mercado en expansión, coa expectativa de acadar un valor de 5.500 millóns de dólares a nivel mundial durante os próximos dous anos.”

PUBLICIDADE