Alfonso Rueda presidirá o acto de investidura de Ricardo Cao como reitor da UDC
venres, 12 de xaneiro do 2024
Ricardo
Cao, elixido este mes de decembro reitor da Universidade da Coruña
para os próximos seis anos, protagonizará o acto de investidura do
seu cargo á fronte da UDC, o vindeiro martes 16 de xaneiro, acto que
estará presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
A cita erá lugar no Paraninfo da Reitoría ás 12:30 horas e, xunto
co reitor, tomarán posesión dos seus cargos as persoas que forman o
novo equipo de goberno da UDC.
Cao,
investigador do CITIC (Centro de Investigación TIC) da UDC, vén de
ser elixido o pasado 4 de decembro reitor da Universidade da Coruña
para os vindeiros seis anos, obtendo 2.983 votos ponderados fronte
aos 1.590 que tivo o outro candidato, Fermín Navarrina.
Ricardo
Cao conta cunha ampla experiencia nos eidos da estatística e as
matemáticas, que inclúen máis de 200 traballos de investigación e
colaboracións con científicos de todo o mundo.
O
seu labor destacouse especialmente no proxecto COVIDBENS, onde
combinou o servizo público nun momento social crítico co desafío
científico de desenvolver un modelo estatístico eficiente,
aplicable non só ao COVID-19 senón tamén a outras problemáticas
sanitarias como a gripe.
Desde
2008, o CITIC da UDC foi unha plataforma fundamental para Ricardo
Cao, permitíndolle desenvolver proxectos singulares centrados na
funcionalidade estatística. Recentemente, o Instituto Nacional de
Estatística (INE) recoñeceu a versatilidade da súa traxectoria
outorgándolle o Premio Nacional de Estatística, unha distinción
colectiva que resalta a importancia do traballo en equipo na
investigación.
O
novo reitor destaca o factor humano como “o principal valor que
define o seu traballo”; tamén para abordar cuestións tan de
actualidade como a Intelixencia Artificial, “unha ferramenta de
enormes posibilidades”, nas súas palabras.
Considera
ademais, respecto do seu labor vindeiro á fronte da UDC, que unha
das prioridades da universidade debe ser “estreitar a súa
colaboración coas empresas e as administracións, así como fomentar
a participación a todos os niveis, esencial nun mundo globalizado e
para abrir o horizonte da UDC á internacionalización”. E engade:
“Trátase de xerar unidades de investigación conxuntas que
permitan competir no escenario global”. Neste sentido, a aposta
estratéxica polos centros singulares como o CITIC, con profesionais
TIC altamente demandados hoxe en día, “constitúe unha excelente
panca de impulso”, avanza.