Alicia Goldstein, directora do programa MISTI do MIT, visita o CITIC
mércores, 30 de xullo do 2025
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, que forma parte da Rede CIGUS da Xunta de Galicia, recibiu este mércores 30 de xullo a visita de Alicia Goldstein, directora asociada do programa MIT International Science and Technology Initiatives (MISTI) e fundadora dos programas MIT-Spain e MIT-Portugal.
A visita tivo como obxectivo “fortalecer a colaboración entre o CITIC e o Massachusetts Institute of Technology (MIT)”, unha alianza estratéxica que xa permitiu a chegada de catro estudantes do MIT ao centro galego.
Goldstein mantivo reunións con persoal de investigación e responsables institucionais, e coñeceu de primeira man os proxectos nos que participan os mozos do MIT que están realizado estadías no CITIC.
O programa da xornada comezou coa benvida institucional a cargo de Ricardo Cao, reitor da UDC; Jerónimo Puertas, vicerreitor de Investigación e Transferencia, e o director do centro, Manuel González Penedo. Ao longo da mañá, a representante do MIT visitou as instalacións, reuniuse cos titores dos estudantes (José Manuel Vázquez Naya, Rubén Pérez Jove e Eduardo Mosqueira Rey), e con investigadores de referencia do CITIC como Salvador Naya, Fidel Cacheda e Francisco Bellas; Félix Nieto, do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC), e Ramón Pedro Artiaga, investigador do CITENI (Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais).
A visita enmárcase nunha colaboración máis ampla entre ambas institucións, que este ano permitiu que catro estudantes do MIT realicen estancias de investigación no CITIC grazas ao programa MISTI-Spain. Os estudantes integráronse en grupos estratéxicos do centro e traballan en proxectos punteiros de Intelixencia Artificial, a ciberseguridade e a saúde dixital.
Un dos proxectos é NEXT-GEN-SOMNUS, centrado na análise do sono mediante algoritmos de aprendizaxe automática, no que o estudante Juan Carlos Santiago traballou cos investigadores Eduardo Mosqueira Rey e Diego Álvarez Estévez.
Os outros tres estudantes son Ishanvi Kommula, Jaime Sebastián Punyed e Jace López. Colaboraron no desenvolvemento de solucións de ciberseguridade baseadas en modelos de linguaxe similares a ChatGPT, unha das liñas do grupo de investigación RNASA-IMEDIR.
Con esta iniciativa, o CITIC consolida a súa posición como referente internacional en investigación tecnolóxica e como nodo de atracción para talento novo altamente cualificado. Ademais, alíñase coa estratexia de internacionalización e excelencia que impulsa a Universidade da Coruña.
