Alumnado do IES Miraflores de Oleiros tivo ocasión de coñecer a fondo o CITIC

martes, 30 de novembro do 2021 S. P.

O martes 23 de novembro as dependencias do Centro de Investigación TIC da UDC (o CITIC) acolleron a visita de cinco alumnos de primeiro de bacharelato que participan no programa de educación científico-tecnolóxica da Xunta: o STEMBach. Desta volta, o investigador do CITIC Carlos Fernández Lozano ofreceu unha charla sobre a súa liña de investigación en novas ferramentas intelixentes aplicadas ao ámbito da saúde e, en concreto, afondou na páxina web habilitada para a monitoraxe da COVID-19 que puxo en marcha durante o confinamento coa finalidade de predicir a evolución da enfermidade.
O investigador faloulles aos alumnos das dificultades que foron xurdindo no desenvolvemento do proxecto e da inesperada proxección que obtivo ao ser a única ferramenta online en España con estas características.
Con posterioridade o alumnado tivo ocasión de coñecer as instalacións do CITIC e o seu Demostrador Tecnolóxico, onde os estudantes puideron probar desenvolvementos realizados no centro nos ámbitos da robótica, a Realidade Virtual e a Realidade Aumentada.
Con esta visita procedeuse a pechar un ciclo de actividades divulgativas realizadas polo CITIC no IES Miraflores de Oleiros. Durante os meses de outubro e novembro, os investigadores Susana Ladra, José Antonio Iglesias Guitián e Ainhoa Molinero ofreceron charlas aos alumnos de 1º de bacharelato STEMBach nas que achegaron a súa experiencia e traxectoria no ámbito das TIC.

PUBLICIDADE