Amazon celebrará o Prime Day de 2019 os días 15 e 16 de xullo

martes, 25 de xuño do 2019 Marcus Fernández

Un ano máis, chegado o verán, Amazon celebrará a súa grande campaña de rebaixas para potenciar a contratación do programa Prime, que este ano desenvolverase entre os días 15 e 16 de xullo, ou sexa que o Prime Day 2019 será realmente de 48 horas, no que pretende ser un festival de ofertas con milleiros de produtos de marcas coñecidas e, moi especialmente, dos produtos de marcas propias de Amazon (que tradicionalmente son os que conseguen mellores vendas por ter uns descontos máis importantes).
Como outras xornadas de rebaixas de Amazon, o Prime Day combinará ofertas que durarán as 48 horas con outras ofertas flash, dispoñibles en tempo e unidades limitadas, de xeito que para cazar unha ganga será preciso estar atento ás ofertas que van xurdindo, o que claramente fomenta o consumismo grazas á tentación que supón ver o suceder de prezos rechamantes.
Máis dun millón de produtos estarán de oferta no Prime Day, e nos vindeiros días irán dando conta dalgunhas destas promocións para ir creando expectación e animando aos usuarios que aínda non contratasen Prime para facelo. Lembremos que Amazon Prime é un conxunto de servizos que parte dunha especie de tarifa plana de envíos rápidos que inclúe tamén servizos baixo demanda de vídeo, música, lectura, videoxogos, almacenamento fotográfico... que actualmente ten un prezo de 3,99 euros/mes ou 36 euros/ano.

JPEG - 91.3 KB
Curiosamente o día de Prime en 2019 durará 2 días

PUBLICIDADE