Amparo Alonso (CITIC) participou na redacción do informe que marca a folla de ruta española en materia de IA
venres, 31 de xaneiro do 2025
Amparo Alonso, investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC participou como experta na redacción do informe HispanIA 2040, un proxecto clave que analiza o impacto da Intelixencia Artificial nos principais desafíos que enfrontará España nas próximas décadas. A presentación oficial do informe tivo lugar en Madrid o pasado 20 de xaneiro, coa presenza do presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
HispanIA 2040 identifica cinco áreas prioritarias onde a IA pode transformar España: a modernización do tecido produtivo, o fortalecemento do estado de benestar, a sustentabilidade medioambiental, a mellora dos sistemas de seguridade e defensa, e a redución da desigualdade. O informe, que se fundamenta en evidencias empíricas, subliña que a adopción da IA pode traer melloras significativas na sociedade española.
Entre os datos destacados, o informe resalta que “a IA podería reducir as listas de espera en atención especializada ata en 22 días, optimizando a asignación de recursos no sector sanitario”. Ademais, a aplicación deste tipo de ferramentas intelixentes na xestión do tráfico urbano podería reducir as emisións de gases contaminantes nunha cantidade equivalente a 905.000 coches anuais, contribuíndo de xeito significativo á sustentabilidade medioambiental. No ámbito educativo, a IA ten potencial para optimizar de maneira significativa os resultados académicos a nivel nacional, aumentando o rendemento en matemáticas en ata 20 puntos na escala PISA, o que equivale a medio ano adicional de aprendizaxe escolar.
O informe tamén establece doce liñas prioritarias de actuación para facilitar a adopción da IA, mellorar as capacidades internas de desenvolvemento e garantir que o seu uso se realice baixo principios éticos e responsables
Os detalles do informe HispanIA 2040 e as súas principais liñas de actuación poden ser consultados en liña.