Amparo Alonso, nova Colexiada de Honra do CPEIG
martes, 6 de xuño do 2023
- Amparo Alonso no exterior do CITIC, no Campus de Elviña (UDC), nunha imaxe de Xurxo Lobato
O
Colexio Profesional
de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai
distinguir co
Premio Colexiada/o de Honra a Amparo Alonso Betanzos, catedrática
de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na Universidade
da Coruña (UDC) e investigadora do Centro de Investigación TIC
(CITIC) da UDC.
O
Colexio outórgalle esta distinción por ser unha das “máximas
referentes e pioneiras en España no uso de Intelixencia Artificial
(IA) aplicada ás ciencias sociais”, centrándose en tres grandes
bloques temáticos: os aspectos básicos da IA, os esquemas e modelos
de aprendizaxe automática, e a enxeñería do coñecemento.
Ademais,
o CPEIG destaca o traballo de Amparo no fomento das carreiras STEM
entre as nenas e mozas. “É unha institución a nivel nacional e
internacional no ámbito da IA, e non só no seu desenvolvemento,
senón no establecemento de principios éticos. Foi fundamental na
consecución da sede da Axencia Española de Supervisión de
Intelixencia Artificial (AESIA) en Galicia. sinala o presidente do
CPEIG. Fernando Suárez.
Amparo
Alonso recibe este premio “con responsabilidade e moita ilusión”,
un recoñecemento do CPEIG que a anima a seguir traballando e mesmo a
emociona pola apreciación do seu traballo na Informática, “un
eido con persoas innovadoras e creativas, das que agora me sento se
cabe máis honrada de pertencer, e para o que continuarei
contribuíndo ao avance continuo da profesión”.
Beneficios e
riscos da IA
A
experta explica que a IA é “unha tecnoloxía transversal presente
na maioría dos campos que permite, por exemplo, unha medicina máis
preditiva, preventiva e personalizada, a través dos sistemas de
diagnóstico que poden detectar patróns de enfermidades nos seus
estados incipientes e tamén polas súas contribucións ao proxecto
Xenoma Humano, ou o sistema Alpha Fold para o descubrimento do
pregamento de proteínas, a asistencia no descubrimento de fármacos,
etc”. Engade que “a IA permite tamén unha aprendizaxe máis
personalizada, tendo en conta os patróns de aprendizaxe persoais do
alumnado, unha optimización dos procesos industriais, unha
diminución no uso de pesticidas e herbicidas a través dunha
agricultura intelixente permitindo unha maior sustentabilidade”.
En
canto aos risco, Alonso apunta que teñen que ver co manexo dos datos
en masa, de forma que pode afectar a dereitos humanos como a
privacidade, a aparición de desigualdades por nesgos nos datos, e
tamén polo avance desigual da tecnoloxía nos diferentes países,
que “creará diferencias económicas e de benestar social”, xa
que tamén inflúe no cambio de escenario de emprego. “Algúns
postos de traballo desaparecerán pola automatización, outros
cambiarán a forma de realizar as tarefas, e aparecerán outros
novos. Para enfrontar esta situación serán necesarios cambios na
educación e que os gobernos saiban xestionar a situación”, apunta
Alonso.
A
catedrática considera que “actualmente a sociedade percibe a IA
con expectación e con interese en canto a certas aplicacións en
áreas de saúde, educación ou medio ambiente, e quizais tamén con
certa preocupación polas noticias, ás veces preocupantes, que saen
en diferentes medios de comunicación con respecto á regulación e a
súa influencia no emprego”. E engade. “É importante facer unha
boa divulgación dos temas relacionados coa IA desde todos os
estamentos, cunha visión profesional e razoada, tanto das
posibilidades da tecnoloxía como dos retos aos que se enfronta e os
risco que pode traer e que é necesario afrontar”.
A
AESIA
Sobre
a creación das axencias europeas de supervisión da IA, entre as
cales atópase a da Coruña (a española), Amparo Alonso explica que
“esta axencia sitúa a España nunha posición destacada na IA
ética, posto que se poñerán en marcha pilotos e probas para
comprobar que as aplicacións intelixentes, que poden ser
consideradas de risco en empresas e administracións públicas,
cumpren coa regulación europea, a divulgación da IA ética e
sustentábel, etc”. Na súa opinión, a AESIA na Coruña sitúanos
“nunha posición destacada na supervisión da IA en España e
Europa, e está na nosa man o poder impulsarnos como un centro
relevante en tecnoloxía, aproveitando esta situación e usando o
coñecemento das nosas universidades e centros de investigación,
ecosistema empresarial ou a Cidade das TIC”.
Traxectoria
Amparo
Alonso Betanzos (Vigo, 1961) é catedrática de Universidade (2002)
na área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na
Universidade da Coruña (UDC). As súas liñas de investigación
actuais son o desenvolvemento de modelos de Aprendizaxe Máquina
Escalábeis, e a Intelixencia Artificial Confiábel e Explicábel,
entre outros. É Licenciada en Químicas (1984) e doutora en Físicas
(1988) pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Foi
Posdoutoral Fellow no Medical College de Xeorxia, EEUU (1988-
1990), onde traballou en temas relacionados co desenvolvemento de
Sistemas expertos para aplicacións médicas.
Foi
vicedecana e coordinadora Erasmus (1999-2005), directora do
Departamento de Computación (2007-2009), coordinadora da
especialidade de Sistemas Intelixentes do Mestrado en Informática
(2006-2007) e coordinadora do Mestrado Universitario en
Bioinformática para Ciencias da Saúde (2016-2017) na Facultade de
Informática da UDC. Actualmente é adxunta ao reitor para a
Intelixencia Artificial (2019) e coordinadora do grupo de
investigación LIDIA (Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento
en Intelixencia Artificial).
Como
investigadora publicou máis de 200 artigos en revistas científicas
e congresos internacionais, libros e capítulos de libros. Participou
en máis de 30 proxectos de investigación e transferencia
competitivos autonómicos, nacionais e europeos.
Foi
presidenta da Asociación Española de Inteligencia Artificial desde
2013 a 2021. É membro da Reserve List do Grupo de Alto nivel
de Expertos Europeos en Intelixencia Artificial (AI HLG), desde 2018,
e membro de European AI Alliance. Participou como membro do Grupo de
Traballo en Intelixencia Artificial do Ministerio de Ciencia,
Innovación e Universidades (MINCIU), que colaborou na redacción da
Estratexia Española de I+D+I en Intelixencia Artificial en 2018. Na
actualidade, é membro de CAIA, a Comisión Asesora do Goberno en
Intelixencia Artificial, desde 2020, así como membro do Comité
Español de Ética da Investigación desde 2023. Tamén é Senior
Member de IEEE e de ACM.
Recibiu
varios premios, entre eles o Helena Rubinstein-UNESCO Women in
Science en España e finalista europea (1998), Premio Galicia TIC
á Innovación Dixital (2004), Premio Galicia TIC á Traxectoria
Profesional (2019), Premio Josefa Wonenburger Planells da Xunta de
Galicia (2020) e Premio Galega do Ano en 2020 do Grupo El Correo
Gallego.
A
Noite
Este
e os restantes galardóns anuais do CPEIG entregaranse na XV
Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará
o 16 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. Amparo
Alonso recollerá a distinción no acto de entrega de premios. O
evento é un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un
gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta
cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais
e políticos e é un referente para o sector. A Noite é xa unha gala
consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á cidadanía
o traballo desenvolvido por enxeñeiras/os en informática dentro da
Sociedade da Información e as iniciativas relacionadas co ámbito
das TIC.