Amparo Alonso participa nun debate sobre o potencial da IA para acadar unha economía máis sustentábel

luns, 22 de febreiro do 2021 Redacción

Amparo Alonso, investigadora do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC), participa este martes 23 de febreiro nun debate sobre economía circular e sistemas con capacidade para aprender, xestionar información e tomar decisións. Trátase do debate Industria intelixente e medio ambiente: de cara a un futuro sustentábel, organizado polo Centro de Visión por Computador (CVC) e a Fundación La Caixa. O obxectivo é “poñer ao alcance da cidadanía as ferramentas para entender e reflexionar sobre como utilizar a Intelixencia Artificial para facer un mundo máis sostible no ámbito económico, social e medioambiental mediante a Industria 4.0”.
Esta actividade forma parte da segunda edición do ciclo Intelixencia Artificial, ética e participación cidadá, un proxecto de ciencia cidadá impulsado polas ditas entidades que busca facer unha reflexión sobre o impacto que teñen os recursos da IA nas nosas vidas.
A investigadora do CITIC e presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial (AEPIA), Amparo Alonso Betanzos, compartirá mesa co responsábel da Unidade de Soporte Tecnolóxico do Centro de Visión por Computador, Coen Antens; o co-fundador e director científico de Aizon, Antoni Manzano; e a secretaria da Secretaría de Medio Ambiente e Sustentabilidade da Generalitat de Catalunya, Marta Subirà.
Este foro terá lugar no Palau Macaya o martes 23 de febreiro ás 18h. Tamén se emitirá online a través das redes sociais do CVC.

PUBLICIDADE