Android O e a realidade virtual son dúas das grandes apostas de Google para os vindeiros meses

xoves, 18 de maio do 2017 Marcus Fernández

O evento para desenvolvedores Google I/O 2017 está a converterse no grande escenario para saber dos propósitos de Google para os vindeiros meses, que centraranse en Android, a realidade virtual e a intelixencia artificial, ou sexa, continuando a senda marcada o ano pasado; e aínda que a meirande parte dos anuncios son de especial interese para os creadores de servizos e aplicacións, non faltaron anuncios que tamén poden ser de interese para o grande público.

2.000 millóns de dispositivos con Android

Por unha banda Sundar Pichai puido anunciar con orgullo que Android vén de superar a barreira dos 2.000 millóns de dispositivos activos ao mes entre smartphones, tabletas, televisores, trebellos con Android Wear e outros dispositivos baseados no sistema operativo promovido por Google. Tamén déronse detalles sobre Android O, a vindeira grande versión de Android, que estrea versión de proba, e que por primeira vez contará cun irmán pequeno, Android Go, unha versión de Android destinada a equipos con poucos recursos, de xeito que incluso funcionaría en terminais con 512 MB de RAM. Android Go sería como unha versión Lite do sistema operativo, buscando consumir poucos recursos de hardware e tamén de datos, o que facilitará a adopción de smartphones en mercados emerxentes.

Recoñecemento de voz

O Asistente de Google tamén continúa a progresar, aínda que non entenderá español até finais de ano. Entre os seus avances figura a posibilidade de ver e entender o mundo que nos rodea, ou sexa, que a través de Google Lens é capaz de saber o que precisamos, de xeito que se enfocamos a cámara do móbil a un local de hostalaría veremos a súa puntuación en pantalla, se vemos un cartel dun concerto suxerirásenos música ou vídeos do grupo que actúe, e incluso poderemos enfocar ao adhesivo que está na parte inferior do noso router para que o sistema poida captar as credenciais da nosa rede Wi-Fi. Curiosamente o Asistente de Google tamén vai estar presente no iPhone e no iPad como unha aplicación independente.
O produto que tamén dá un grande paso adiante é Google Home, o altofalante que integra o Asistente de Google, que nos EE.UU. e Canadá dá un grande salto adiante ao poder realizar chamadas de teléfono de balde, sendo incluso posible que esas chamadas se identifiquen co noso número de teléfono móbil se o configuramos así e o sistema recoñece a nosa voz (sendo capaz o sistema de recoñecer a varios integrantes do fogar). Polo momento esta funcionalidade só servirá para facer chamadas e non para recibilas, como unha simple precaución.
Outro detalle a salientar da actualización de Google Home é que incrementará a súa interacción con outros elementos do fogar, moi especialmente con pantallas conectadas, de xeito que permitirá respostas visuais, ou sexa, que se lle preguntamos pola nosa axenda e temos un televisor con Chromecast, poderemos ver en pantalla as nosas citas do día.

Repaso das novidades de Google Home

Realidade virtual

Aínda que parece que o proxecto Daydream de Google avanza moi lentamente, parece que é así porque Google está a explorar novos xeitos de achegar a realidade virtual ao público, e agora consideran un novo xeito de introducirse nesta tecnoloxía inmersiva que consiste en prescindir de ordenador ou móbil para gozar da realidade virtual, de xeito que toda a tecnoloxía estaría nun casco que tamén contaría con sensores para percibir o que hai ao redor. Esta realidade virtual sen PC nin móbil podería ser realidade en poucos meses, encargándose HTC e Lenovo da produción dos primeiros dispositivos deste tipo.
Unha aplicación que si parece que tirará un bo proveito da realidade virtual será YouTube, non só como plataforma para o consumo de vídeo en 360 graos, senón tamén porque a versión de YouTube para realidade virtual contará coa opción de salas compartidas nas que os usuarios representados como avatares poderán conversar en voz alta sobre os vídeos inmersivos que se visualizan en cada sesión. Búscase así potenciar o papel de comunidade de YouTube.

Vídeo no que presentan o casco de realidade virtual autónomo

PUBLICIDADE