Antonio Rodríguez del Corral, reelixido presidente do Clúster TIC Galicia para os vindeiros tres anos

venres, 2 de outubro do 2020 S. P.

Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TiC Galicia O actual presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, vén de resultar reelixido para o cargo de meirande responsabilidade da alianza empresarial tecnolóxica da nosa terra. Fíxoo en representación da empresa Cinfo, ao liderar a única candidatura presentada ás eleccións do organismo. Os comicios celebráronse este xoves primeiro de outubro no transcurso dunha asemblea extraordinaria na que tamén se elixiu o Comité de Dirección (CODI).
Segundo informaron fontes do clúster, a continuidade nas liñas de actuación marcará a actividade do novo equipo que estará ao fronte da asociación de empresas tecnolóxicas galegas durante este novo mandato de tres anos. Isto significa que vai manter ao 80% dos dezaseis membros pertencentes ao CODI saínte, resultando electos no apartado de grandes empresas TIC: Altia, Bahía, Everis, Idom, Imatia, R Cable, Satec e Plexus e no apartado de pequenas empresas TIC: APDTIC, Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Dos Espacios, Itelsis, Librebit, Sixtema, Visual Plubinet e Xoia. O clúster engadiu que o CODI estará aberto á participación dos socios, que poderán achegar as súas iniciativas ou opinións e participar nas diferentes áreas de traballo, de forma presencial ou telemática, do mesmo xeito ca na anterior etapa.
Balance
O pasado período foi un período de grandes fitos tecnolóxicos, para o sector e, tamén para o desenvolvemento tecnolóxico da nosa terra, por exemplo a aprobación do proxecto da Cidade das TIC e de Galicia Turistic, “dous proxectos cun alto potencial para o futuro da entidade”; a incorporación do Cluster TIC como membro fundador nos Digital Innovation Hubs de Galicia; ou o lanzamento do Programa de Obradoiros e Subvencións á dixitalización, dotado con máis de 7 millóns de euros. A alianza empresarial tamén salientou “o importante esforzo desenvolvido a prol da xeración de talento tecnolóxico”, coa activación do programa Campus Dual e a participación na iniciativa Dixitalent, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), así como na internacionalización das empresas socias.
Nesta nova etapa, Rodríguez del Corral e o seu novo equipo, traballarán agora en dar “un novo pulo” ao sector tecnolóxico galego, materializando “un programa ambicioso centrado en impulsar as TIC galegas nun novo ciclo económico marcado pola transformación dixital”. Na súa axenda tamén figura “abrir novas oportunidades de negocio para facer crecer as nosas empresas, pero tamén para superar o mercado nacional e establecernos como sector económico exportador, como acontece nas economías máis avanzadas”, sinala o presidente do Clúster TIC Galicia. Con estes e outros obxectivos, potenciarase a colaboración público-privada, así coma con outras asociacións do sector para impulsar a capacitación, a innovación e a implantación das novas ferramentas dixitais, incentivando tamén as axudas á xeración de negocio para os socios. Ademais, desenvolveranse as liñas de actuación dos hubs de innovación e da Cidade das TIC.
Outro dos obxectivos claves deste novo mandato será estimular a internacionalización en Europa e as sinerxías entre as empresas socias, coa creación de miniclústeres internos que dean como resultado propostas de valor máis competitivas de cara ao exterior que atraian novos proxectos.

PUBLICIDADE