Appentra achega recursos no CESGAHack para acelerar a execución de aplicacións

xoves, 2 de agosto do 2018 Redacción

Appentra Solutions, a spin-off participada pola UDC e promovida por investigadores vinculados ao o Centro de Investigación TIC (CITIC) vai poñer a disposición dos investigadores e innovadores da nosa terra o seu programa Parellelware Trainer, un recurso avanzado de adestramento que permite optimizar proxectos con vistas ás necesidades reais do mercado. O programa poderá ser empregado polos científicos no marco da nova edición do CESGAHack, o hackaton que organizan anualmente Appentra e máis o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e que chega á súa terceira edición entre o 24 e o 28 de setembro, novamente na sede do CESGA.
Os participantes que empreguen o Parellelware Trainer de Appentra poderán acelerar ao máximo o ciclo de vida do seu desenvolvemento, xa que estarán en disposición de identificar decontado oportunidades reais para paralelizar a súa aplicación. Ademais, os investigadores que se xunten na quedada CESGAHack, cuxo prazo de inscrición remata este domingo 5 de agosto, tamén terán ao alcance da man o privilexio de acceder directamente ao supercomputador Finis Terrae II do CESGA.
Para quen non o saiba, o CESGAHack é unha xuntanza para facer demostracións e intercambiar recursos e coñecemento. O obxectivo é axudar aos científicos e programadores a acelerar a execución das súas aplicacións de simulación científica.
Este pulo de enerxías materializarase a través de diverso hardware e software avanzado e coa axuda dun equipo de mentores expertos en cousas como optimización, paralelaxe e execución de programas de simulación. Ademais, como dixemos, o CESGAHack 3 tamén axudará aos científicos e programadores e reducir o máximo o tempo que pasan codificando para mellorar o seu software.
Segundo lembra Appentra, os dous eventos anteriores tiveron éxitos importantes para os equipos participantes, como o equipo de Edanya, que traballaba nun modelo de predicións de tsunamis na Universidade de Málaga, que gañou o premio NVIDIA Global Impact Award.
Quen queira máis información sobre o evento, pode atopala na páxina web de Appentra.

PUBLICIDADE