Apple TV+ podería estar a perder mil millóns de dólares ao ano
venres, 21 de marzo do 2025
- Separación, a serie estrela de Apple TV+, remata hoxe a súa segunda tempada
Na semana na que remata a segunda tempada de Separación, a serie estrela de Apple TV+, cun orzamento de 200 millóns de dólares, dende The Information quixeron facer balance do servizo de streaming de vídeo de Apple, desvelando que está moi lonxe de ser negocio, xa que estaría a acumular 1.000 millóns de dólares en perdas cada ano.
Aseguran que, aínda que Apple TV+ está a realizar recortes nos seus gastos millonarios, as inxentes cantidades económicas que moven non están a resultar efectivas, pois actualmente nin sequera chegan a captar o 1% do consumo de streaming, de aí que non sorprenda que o codirector xeral de Netflix, Ted Sarandos, comentase nunha entrevista para Variety que non entendía que Apple estivese no negocio do streaming.
Durante o último ano estiman que Apple TV+ chegou aos 45 millóns de subscritores, algo moi difícil de ponderar de xeito illado, xa que moitas destas subscricións son de proba ou corresponden a usuarios que contratan os servizos da nube de Apple en lote (polo que moitos non chegarían a usar o servizo), polo que estariamos ante un caso que pode lembrarnos a Prime Video, aínda que cun volume de usuarios moi inferior, de aí que haxa tantas dúbidas sobre o futuro desta división de Apple.
Tamén cómpre lembrar que, aparte das series, Apple TV+ tamén produce filmes, que en varias ocasións conseguiron levar importantes premios, pero que comercialmente foron un rotundo fracaso nas salas cinematográficas, polo que non parece probable que vaian continuar por ese camiño.
En calquera caso, Apple ingresou 391 mil millóns de dólares durante 2024, polo que pode permitirse perder mil millóns de dólares no seu negocio audiovisual de considerar que contribúe a impulsar de xeito conxunto os seus servizos.