Apple Vision Pro actualiza o seu procesador, pero segue sen chegar a España

mércores, 15 de outubro do 2025 Redacción

Apple presentou a nova versión do seu dispositivo de realidade estendida, Apple Vision Pro, que incorpora o novo procesador M5 e un renovado deseño con banda téxtil de dobre tira para mellorar a súa comodidade de uso. O modelo chega con melloras destacadas en rendemento, calidade de imaxe e autonomía, e con novas experiencias espaciais grazas a visionOS 26. Polo momento o produto segue fóra do mercado español, e o seu prezo en Francia e Alemaña parte dos 3.699 euros, con opcións de 256 GB, 512 GB e 1 TB de almacenamento, o que supón unha lixeira redución de prezo fronte aos 3.999 euros de partida da anterior versión do produto.
O novo procesador M5 permite un funcionamento máis fluído do sistema, tempos de carga reducidos e un rendemento gráfico superior, tanto en aplicacións profesionais como en xogos. Ademais, o Neural Engine de dezaseis núcleos executa tarefas de intelixencia artificial ata un 50 % máis rápido, o que beneficia procesos como a creación de Personas ou a conversión de fotografías en escenas espaciais.
O dispositivo ofrece unha resolución un 10 % superior á da xeración anterior grazas aos seus paneis micro-OLED e pode aumentar a taxa de refresco ata 120 Hz. A batería proporciona ata dúas horas e media de uso xeral ou tres horas de reprodución de vídeo, e permite o funcionamento continuo cando está conectada á corrente.
O novo banda téxtil de dobre tira está confeccionada en 3D con material acolchado e transpirable. Dispón de dúas correas, superior e inferior, con insercións de tungsteno para equilibrar o peso, e pode axustarse mediante unha roda de dobre función. Está dispoñible en talles S, M e L e pode adquirirse tamén por separado por 115 euros.
Co sistema visionOS 26, o visor amplía as súas posibilidades espaciais. Os widgets poden integrarse no espazo do usuario e permanecer visibles durante o uso, mentres que as novas Personas melloran a comunicación en FaceTime. O sistema permite visualizar vídeos en 180 e 360 graos, crear escenas fotográficas con profundidade realista e reproducir contidos inmersivos procedentes de servizos como Apple TV ou Vimeo.
Apple Vision Pro tamén reforza o seu uso profesional. Permite traballar con aplicacións creativas como Crayon, Pixelmator ou Keynote e empregar o accesorio Logitech Muse, un lapis dixital de alta precisión que poderá reservarse por 139,95 euros. Entre os accesorios adicionais figuran o estoxo de transporte (219 euros) e os lentes ópticos ZEISS, dispoñibles en versión de lectura (115 euros) ou graduada (169 euros).
Cómpre salientar que este produto chega nun momento no que se rumorea que Apple deixou de centrar os seus esforzos en lanzar un modelo económico deste visor (alcumado Vision Air) para enfocarse na creación dunhas lentes máis sinxelas que poidan competir coas que vende Meta en colaboración con Ray-Ban.