Apple borra os adhesivos de WhatsApp da App Store

luns, 19 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Hai menos dun mes WhatsApp introduciu a posibilidade de publicar adhesivos nas conversas, seguindo os pasos de moitas outras aplicacións de mensaxería instantánea, pero para engadir novos lotes de imaxes empregaba un mecanismo un tanto raro: as coleccións de stickers conseguíanse instalando aplicacións de terceiros que eran as que engadían as imaxes á aplicación.
Semella que a intención de WhatsApp era clara: evitar a responsabilidade de xestionar coleccións de contidos gráficos que puidesen vulnerar os dereitos de autor ou as normas de uso das distintas tendas de aplicacións. Pero aínda que tal táctica fose correcta en Android, baixo iOS a cousas non é así, xa que as normas da tenda de aplicacións móbiles de Apple prohibe expresamente que as aplicacións modifiquen a outras, polo que agora atopámonos cun borrado masivo das aplicacións que permitían engadir adhesivos a WhatsApp no iPhone, por motivos como que hai moitas aplicacións co mesmo comportamento, que precisan ter instalado WhatsApp para funcionar ou que ten o mesmo deseño que outras aplicacións, violando así as normas da App Store.
Temos así que WhatsApp terá que facer un cambio radical nos adhesivos se quere que poidan manterse en iOS.

PUBLICIDADE