Apple distánciase das Vision Pro para apostar por lentes que compitan coas Ray-Ban de Meta

xoves, 2 de outubro do 2025 Redacción

Dende as páxinas de Bloomberg aseguran que a estratexia de realidade aumentada de Apple vén de dar un xiro inesperado ao decidir a compañía reducir os seus esforzos no redeseño do seu casco Vision Pro para concentrarse no desenvolvemento de lentes con capacidades de intelixencia artificial, para competir directamente coas Ray-Ban Meta. A decisión, comunicada internamente a finais de setembro, marcaría un cambio de prioridades que podería redefinir o futuro da computación móbil.
Segundo fontes próximas ao proxecto, Apple está a traballar en dúas variantes de lentes: unha máis básica, sen pantalla propia e pensada para emparellarse co iPhone, e outra con pantalla integrada, destinada a rivalizar coas gafas coas Meta Ray-Ban Display. A primeira podería presentarse xa en 2026, mentres que a segunda, inicialmente prevista para 2028, está a ser acelerada para chegar antes ao mercado.
Este cambio responde a unha realidade incómoda para a compañía de Cupertino: Apple Vision Pro, lanzado en 2024 cun prezo que parte de 3.499 dólares nos EE.UU. (3.999 euros en Europa), non conseguiu captar o interese do público xeral. A súa complexidade técnica, peso excesivo e escaseza de contido adaptado provocaron unha acollida morna, mesmo entre os seguidores máis fieis da marca. A empresa recoñece en privado que o dispositivo foi sometido a uns procesos de enxeñaría excesivos e que a súa proposta non encaixa coas expectativas sociais actuais.
As novas lentes incluirían altofalantes, cámaras e control por voz, e poderían incorporar funcións de seguimento da saúde. Estarán impulsadas por un chip de nova xeración e integraríanse co ecosistema de Apple, incluíndo unha versión renovada de Siri prevista para marzo. A compañía confía en que esta nova interface de usuario, máis natural e conversacional, sexa clave para o éxito dos seus dispositivos de vindeira xeración.
Mentres tanto, Meta continúa consolidando a súa posición neste segmento. Tras o éxito inesperado das Ray-Ban Meta en 2023, a empresa lanzou recentemente unha versión mellorada sen pantalla, orientada a deportistas, e xa traballa nun modelo con dobre pantalla para 2027. A competencia entre Apple e Meta, que tamén exploran as posibilidades das lentes de realidade aumentada pura, promete intensificarse nos vindeiros anos.
A retirada parcial do Vision Pro non implica a súa desaparición definitiva. Apple aínda ten prevista unha actualización menor do modelo actual, con melloras no chip, que podería chegar antes de rematar o ano. Pero o foco está claro: o futuro pasa por dispositivos máis integrados na vida cotiá, menos invasivos e máis intelixentes.