O pasado verán comentamos que un suposto erro de deseño do iPhone 6/6 Plus que sería o que no seu día provocara o bendgate (ou sexa, o feito de que o móbil poida dobrarse con certa facilidade) estaría a provocar unha importante avaría nos terminais que manifestaríase coa aparición dunha banda gris na parte superior da pantalla do iPhone e afectaría á sensibilidade táctil da pantalla, polo que alcuman a este problema enfermidade táctil, e Apple, en vez de facerse completamente cargo do que apunta a que sería responsabilidade súa, optou pola vía do medio, e vén de lanzar nos EE.UU. un programa de reparación para o iPhone 6 Plus (o dispositivo máis afectado) a través do que só cobrarían 149 dólares pola reparación dos dispositivos avariados, o que estaría moi lonxe do prezo de reparación real (xa que afecta á placa do teléfono).
O programa de reparacións tamén beneficiará a clientes que repararon o seu smartphone nos últimos meses, que recibirán o reintegro da diferenza entre a cantidade cobrada e os 149 dólares que o servizo de reparación custaría agora.
Este novo programa de reparación aínda non aparece na páxina web española de Apple, pero se seleccionamos España como territorio na ligazón orixinal aparecen os mesmos contidos en inglés indicando que o prezo de reparación sería de 167,10 euros.
En España é posible que a avaría aínda non chegase a ser considerado un grave problema para Apple porque boa parte dos iPhone 6 Plus vendidos terían sido reparados dentro do seu período de garantía, que en Europa é de 2 anos (mentres que nos EE.UU. é de só 1 ano).
Apple lanza un programa de reparación para a enfermidade táctil do iPhone 6 Plus
Compartir Este Artigo
