Hai pouco máis dun mes presentouse nos EE.UU. unha demanda colectiva contra Apple por mor dos fallos nos teclados bolboreta dos seus ordenadores portátiles, que parecían estar a experimentar serios problemas de funcionamento provocados por un fallo de deseño que para moitos resultaba evidente, pero que a compañía de Cupertino non recoñecía.
Finalmente parecen dar o seu brazo a torcer, e na súa páxina web aseguran que «unha pequena porcentaxe de certos modelos de MacBook e MacBook Pro» poden ter problemas como: repetir letras de xeito inesperado, non transmitir a tecla pulsada ou sentirse pegañenta ou non responder de xeito consistente, e ofrecen unha reparación de balde aos usuarios afectados.
A reparación precisa dos teclados pode ir dende a substitución de teclas soltas ata do teclado completo, e os modelos afectados serían os MacBook de 12 polgadas dende primeiros de 2015 e os MacBook Pro de 13 e 15 polgadas dende 2016, ou sexa, os equipos que incluían o revolucionario teclado bolboreta que dende o comezo foi visto de xeito crítico por moitos usuarios que aseguraban que non ofrecía unha boa resposta e a súa experiencia de uso non estaba acorde ao prezo dos equipos nos que se integraba (que superan os 1.500 euros e nos casos dos equipos de 15 polgadas é doado que o seu prezo estea no contorno dos 3.000 euros).
Este servizo de reparación especial pode contentar a algún usuario, pero de confirmarse as sospeitas dos afectados, só sería un parche, xa que o fallo de deseño dos teclados persiste, de xeito que tras a reparación é moi probable que volvan fallar (de feito, algúns dos denunciantes recoñeceron ter acudido ao servizo técnico en varias ocasións). Que chegue despois de dous anos de queixas e dunha demanda colectiva (que aínda non se resolveu) tampouco di nada positivo de Apple, que debería ter recoñecido e corrixido o problema en vez de negalo reiteradamente (incluso lanzou unha segunda xeración do teclado de bolboreta que parecía ter problemas semellantes á anterior, o que resulta moi difícil de xustificar).
Apple recoñece os problemas dos teclados de bolboreta e ofrécese a arranxalos de balde
Compartir Este Artigo
