Ardán brinda en formato descargábel a súa base de datos empresarial de 2016

luns, 9 de abril do 2018 Redacción

O sistema de información empresarial do Consorcio da Zona Franca, Ardán, puxo hoxe a disposición do público, en formato descargábel, a base de datos que recolle as 20.000 maiores empresas de Galicia con datos identificativos e económicos do exercicio 2016. Esta base de datos pódese adquirir desde a páxina www.ardan.es, no seu apartado de compra en liña. O produto, que sae a un prezo de 99 euros, permítenos, en palabras do Consorcio, “realizar unha manchea de filtros sobre a mostra de empresas, ben sexa por nome da sociedade, datos económicos, sectoriais, xeográficos, etc”.
Ademais, posibilítanos para facermos escolmas de fichas de empresa e listaxes, con datos cen por cen exportábeis a Excel, “o que deixa marxe para traballar con eles en calquera computador, nun formato descargábel con software de manexo doado para a contorna Windows”.
Nos datos que se proporcionan de cada empresa tamén se fai constar se ten algún dos indicadores Ardán de mellores prácticas empresariais e outros indicadores.
Para quen non o saiba, sobre o alicerce dos datos empresariais contidos nesta mostra de empresas os técnicos do servizo de información empresarial Ardán, coa colaboración por primeira vez este ano da Cátedra Ardán da Universidade de Vigo, elaborarán nos vindeiros meses o Informe Económico e de Competitividade de Galicia 2018, cuxas fichas reflectirán novamente as 10.000 empresas de meirande facturación da nosa terra.


PUBLICIDADE