Arquitecturagalega.net: suma e segue achegando claves para construír hoxe ollando (ben) cara ó pasado

mércores, 8 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

Comparativa arquitectónica de VigoArquitecturagalega.net, un proxecto web que é unha homenaxe a tódolos bos froitos que deu a tradición construtora da nosa terra, segue adiante na súa andaina (ou teima) reivindicativa, da man do noso colaborador Xavier Feixoo, que entre promover os valores do Concello de Sandiás e presentar alternativas de lecer vencelladas á Rede (coma o tour irmandiño elaborado man a man co Consello da Cultura Galega) tamén ten tempo para lembrar a quen corresponda que hai moitos anos só construía edificios quen sabía de verdade de edificios, e hoxe en día érguense galpóns de obras provisionais... e logo resulta que son as vivendas mesmas. Ironías aparte, o caso é que Feixoo segue a alimentar un banco de imaxes en liña sobre arquitectura popular galega, iniciativa na que participa tamén Xosé Antonio Cidre, responsable da web. E aliméntao estes días con feitura de blog, incluíndo apartados tan arrepiantes como a comparativa do antes e o despois da arquitectura de Vigo (chámase Realmente evolucionamos?) e que podemos ver na web.
Igualmente, e xa que falamos de cousas novas que se venden mellores que as antigas e logo non son tal (senón moito peores), atopamos na web unha sección chamada Arquitectura Destrutiva na que se convida á comunidade internauta a dar conta das prácticas que están a estragar actualmente a paisaxe galega, coma se dun foro de denuncia anti-destrutiva se tratase.
Na páxina tamén atopamos imaxes de casas antigas, pazos, factorías, capelas, fornos, reitorais, ferrerías pombais de tódolos currunchos de Galicia, pero principalmente do eido rural, xa que aí se conservan en bo estado algúns dos mellores exemplos de arquitectura popular. A tendencia deste banco de imaxes, que é unha especie de museo de símbolos construtivos de Galiza, é a de recibir incorporacións novas a cada momento, e conta ademais co engadido de vir acompañado dunha colección de fondos de escritorio e de imaxes de arquitectura confortable dunha cidade onde non todo o mundo agarda atopala: Vigo. Cómpre salientar que Arquitecturagalega.net é un proxecto nado no 1997 onde dende o principio se traballou a prol de dar a coñecer á maior cantidade de xente posible un xeito de facer arquitectura, o estilo galego, que, dalgunha maneira, leva anos sendo atacado polo feismo, a modernidade mal entendida e a especulación.

PUBLICIDADE