Arranca en Carballo o curso de verán da UDC sobre lingua, redes sociais e IA

martes, 16 de xullo do 2024 S. P.

Este martes 16 de xullo arrincou o XVII Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística, organizado pola Universidade da Coruña (UDC), co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e o Concello de Carballo, unha actividade formativa á que asisten unhas 40 persoas e que cita estes días na localidade bergantiñá a relevantes especialistas que analizarán o uso da lingua galega a través das redes sociais e o seu papel como canle de difusión e divulgación.
Analizar e deseñar estratexias e accións para pór en valor e incrementar o uso e a visibilidade do galego nas redes sociais; detectar e estudar problemas e preconceptos existentes arredor do uso da lingua galega e valorizar o galego e a cultura propia como recurso de interese para actividades e proxectos nados das redes sociais, son os principais obxectivos deste curso de verán.
A inauguración contou coa presenza do reitor da UDC, Ricardo Cao; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o secretario Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García; e a coordinadora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Marisol Ríos.
Ricardo Cao resaltou a oportunidade que representan as redes sociais para avanzar cara a unha maior presenza e aceptación do galego no mundo dixital. “As experiencias e boas prácticas que se presentarán nestes días serán unha fonte de inspiración e unha guía para todos nós”, afirmou.
Pola súa banda, Valentín García aludiu á importancia de “poñer en valor o traballo das persoas que usan o galego nas redes sociais” pero tamén a necesidade de seguir avanzando, e nese sentido destacou a importancia que vai ter o proxecto Nós, “que permitirá xerar os recursos dixitais e lingüísticos precisos para facilitar o desenvolvemento de aplicacións baseadas en Intelixencia Artificial e Tecnoloxías da Linguaxe, no día a día de todos os galegos e galegas”.
A coordinadora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Marisol Ríos, puxo de manifesto o escaso uso do galego nas RRSS, pois segundo as últimas enquisas do Instituto Galego de Estatística, dixo, “só un 5% das persoas utilizan exclusivamente o galego ou máis o galego que o castelán nas RRSS ou para navegar por Internet”. E engadiu: “Precisamos xerar tráfico de datos en galego en Internet para que a nosa lingua acade os mesmos privilexios que as máis privilexiadas”.
O alcalde Evencio Ferrero pechou o acto inaugural lembrando que de anteriores cursos de verán xurdiron iniciativas coma Apego ou Youtubeiras, e animando ás persoas participantes a seguir traballando en “proxectos de futuro que sexan útiles para seguir fomentando o galego entre nós”.
As sesións do curso contarán con relatorios, comunicacións, mesas redondas e obradoiros para avaliar experiencias e propor medidas e accións de intervención en actividades para implicaren ás distintas entidades e persoas.
Así, o programa de relatorios inclúe desde O impacto das novas tecnoloxías e a IA na nosa sociedade, a cargo de Nieves Rodríguez Brisaboa, catedrática da Universidade da Coruña na Área de Linguaxes e Sistemas Informáticos; ao papel do Tiktok galego e as creadoras galegas, sobre o que disertará Sara Seco, licenciada en Xornalismo pola USC, ou o papel da divulgación en galego nos diferentes eidos e soportes, tal e como explicará a presentadora do programa da TVG Dígocho eu, Esther Estévez.
O papel das redes sociais como canle de divulgación científica para a normalización do galego, Vivir en galego, a Intelixencia Artificial e futuro da lingua galega, a Actualidade e xornalismo nos contornos podcast e redes sociais, e o Galego para todo son os títulos das diferentes mesas redondas e relatorios que se celebrarán tamén nestes días.