Ter conexión á Rede dende calquera recanto dunha cidade semella cada vez máis importante, pero a xuízo das empresas Abella Telecom e Autronic Comunicacións, é igual de importante (ou se cadra máis) tela dende un lugar especialmente afastado de todo. Como por exemplo dende unha das nosas paraxes por excelencia de escapada e recollemento: as Illas Cíes. Pois ben, semella que as persoas que accedan a este paraíso a partir de esta fin de semana non van ter grandes problemas para ter conexión co resto do mundo, xa que as devanditas firmas van subministrar conexión Wi-Fi, sen fíos, a disposición de campistas, visitantes e traballadores do Parque Nacional.
O prezo será de un euro ao día para os primeiros e de dous con cartón prepagamento ou mediante unha web habilitada de xeito específico para o servizo. Este achegarase dende a Illa do Faro, sendo seu obxectivo dotar de conectividade aos máis de 200.000 internautas potenciais que acceden cada verán ao arquipélago, tanto os que se moven pola illa como tamén os que fican nos barcos en fronte da mesma. A conexión será de ata 20 Mbp/s. O servizo, como dixemos, virá da man das firmas Abella Telecom e Autronic Comunicacións, en colaboración co cámping local e o restaurante da praia de Rodas.
As Cíes contarán con acceso Wi-Fi a partir deste mes
Compartir Este Artigo
