As bibliotecas celebran en novembro o mes da ciencia e as tecnoloxías en galego

mércores, 30 de outubro do 2019 Redacción

Este mes de novembro vai ser un mes de ciencia en galego nas nosas bibliotecas municipais: catro semanas ateigadas de actividades para fomentar as vocacións investigadoras e a súas enriquecedoras confluencias co emprego da nosa lingua. Será un amplo programa STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática polas súas siglas en inglés) con accións de comunicación científica, espectáculos de maxia, sesións de contacontos, obradoiros, relatorios e conferencias.
O mes da ciencia en galego nas bibliotecas, promovido polas consellerías de Educación e Cultura a través das bibliotecas centrais territoriais e escolares, foi dado a coñecer este martes na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e a microbióloga da Universidade de Santiago de Compostela, Alicia Estévez Toranzo (autora do texto conmemorativo deste ano).
Anxo M. Lorenzo lembrou a importancia da divulgación social do coñecemento científico, así como a relevancia “de achegar a ciencia a todos os ámbitos da vida”. Así, explicou que as bibliotecas centrais territoriais “xogan un papel fundamental neste obxectivo”, posto que, a través desta programación, “ofrecen actividades variadas para todos os públicos”.
Valentín García puxo o foco na importancia do traballo despregado polos equipos de dinamización de lingua galega e nas grandes implicacións dun dos seus grandes obxectivos: “Que o alumnado se afaga a empregar normalmente o galego en actividades que superan o espazo académico”. Agora, dixo, toca novamente “mostrar o labor dos equipos cando chega o momento de celebrar a ciencia e de ensinar aos rapaces e rapazas as posibilidades e a necesidade de usar o galego para a investigación e a divulgación científica”.
Unha trintena de actividades
No programa de actividades deseñado para esta conmemoración inclúense unha trintena de actividades de divulgación científica, espectáculos de maxia, sesións de contacontos, obradoiros, relatorios e conferencias. Todos eles, con materiais en galego, se desenvolverán na Biblioteca de Galicia, na Biblioteca Pública de Lugo, na Biblioteca Juan Compañel de Vigo, na Antonio Odriozola de Pontevedra, na Miguel González Garcés da Coruña e na Ánxel Casal de Santiago. Ademais, organizaranse actividades nos centros de ensino a través das bibliotecas escolares (promovidas pola Asesoría de Bibliotecas Escolares da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos) e do labor que levan a cabo os equipos de dinamización da lingua galega para sumárense, desde o ensino, á conmemoración do Día da Ciencia en Galego.
A encargada de asinar o manifesto deste ano é Alicia Estévez, microbióloga da Universidade de Santiago de Compostela e académica da Real Academia Galega das Ciencias e da Real Academia Galega de Farmacia. No seu documento, Estévez Toranzo, pon en valor a función da ciencia no desenvolvemento socioeconómico dun país e subliña o papel que xogan as bibliotecas para que “moitos dos coñecementos rigorosamente contrastados sexan alcanzables ao público”.

PUBLICIDADE