As demos dos xogos nados como TFM no Campus de Ferrol exporanse no MUVI

luns, 11 de maio do 2026 S. P.

A Universidade da Coruña (UDC) e a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia veñen de asinar un convenio de colaboración para a promoción do videoxogo como ámbito de creación cultural, artística, tecnolóxica e industrial, así como para o impulso da formación especializada, a investigación aplicada e a transferencia de coñecemento neste ámbito.
Segundo informaron as dúas entidades, esta sinatura abre a posibilidade real de crear unha nova liña de preservación, catalogación e de divulgación centrada nos Traballos Fin de Máster (TFM) que se presentan e defenden na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) no marco do mestrado (master) en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos.
Deste xeito, as demos dos xogos, creadas polo alumnado deste título durante a súa etapa de formación no Campus Industrial de Ferrol, serán preservadas en formato interactivo no Museo do Videoxogo (MUVI).
A Universidade da Coruña (UDC), a través da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), realizará un envío anual normalizado das demos xunto coa información asociada necesaria integrando todo nun único procedemento unificado de conservación.

Vicente Díaz, director da EPEF, Galo Martínez, cofundador da Fundación MUVI, Luz Castro, coordinadora do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, e Marcos Míguez, director do Campus de Ferrol

O título Renegade Jammer será o primeiro en formar parte desta iniciativa. Como lembraremos, o xogo foi desenvolvido nos cursos 2023/24 e 2024/25 e presentado como traballo final do mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos por Manuel Sanjurjo Penas (Produción, Cinemáticas e Animación), Álvaro E. Martos Suero (Programación de Gameplay e VFX), Gael Alberto Quintela (Game Design e Son), Andrea V. Salgado Errada (Concept Artist 2D e Texturizado), Andrea Alonso Montes (Concept Artist e UI), e David Muradás Gallardo (Iuminación, 3D Artist e Set Dressing). No ano 2025, esta demo conseguiu o Premio ao Mellor Xogo Indie na Lérez Up, en Pontevedra, e o Galardón ao Mellor Xogo Académico na BCN Game Fest, en Hospitalet de Llobregat (Barcelona).
Ao longo deste mes de maio, a primeira destas demos nada no Campus Industrial de Ferrol pasará a formar parte dos proxectos do Videoxogo Galego do Museo do Videoxogo (MUVI). A maiores, a súa inclusión neste proxecto de preservación, catalogación e divulgación permitiralle participar naqueles eventos nos que habitualmente colabora a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia ao longo de todo o territorio.
Tal e como poñen de manifesto a Universidade da Coruña (UDC) e a propia Fundación, esta colaboración “permitirá recoñecer a experimentación e desenvolvemento universitario como unha nota tipoloxía de videoxogo galego que deber ser preservada e estudada.”.
Dende o MUVI lembran que están a traballar xa na incorporación desta categoría ás bases de datos públicas do videoxogo galego e na súa futura integración dentro do arquivo da Biblioteca de Galicia, u proceso que tamén terá o seu impacto na base de datos pública de DeVuego, entidade que colabora coa Fundación Museo do Videoxogo de Galicia.