As entidades adheridas a Abertos ao Galego poderán gozar dun dominio .gal de balde

xoves, 17 de marzo do 2022 Redacción

PuntoGal e a Mesa pola Normalización Lingüística acordaron unha promoción de dominios mediante a cal os establecementos adheridos ao proxecto Abertos ao Galego que aínda non teñan dominio .gal poderán facer o cambio de xeito gratuíto para eles. A entidade de defensa da lingua porase en contacto con elas en próximas datas para facerlles o ofrecemento e convida a aquelas que teñan maior interese a contactar directamente a través do enderezo de correo electrónico abertosaogalego@amesa.gal.
Abertos ao Galego é un proxecto que a Mesa pola Normalización Lingüística puxo en marcha en 2008 para promover o uso do galego e dar visibilidade ás empresas que traballan en galego no seu día a día. Conta cunha aplicación para dispositivos móbiles onde están sinalados os establecementos que contan co certificado Abertos ao galego xunto a aqueles dos que temos constancia do uso do galego.

PUBLICIDADE