
A apertura da xornada contou coa participación da vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama Santomé, quen destacou que este tipo de iniciativas son esenciais para amosar referentes femininos, “moi próximos”, na ciencia e na tecnoloxía, e do director de atlanTTic, Martín Llamas Nistal, que subliñou a importancia de fomentar as vocacións STEM entre as nenas e sobre todo “que non haxa freo para o desenvolvemento desas vocacións”. Xunto a eles contouse tamén coa participación da subdirectora de Captación e Difusión da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Laura Docío Fernández, e a técnica da Unidade de Igualdade, e Mar F. Cendón.
No transcurso da xornada púxose o foco na necesidade de superar as fendas dixitais de xénero. Así, lembrou que segundo o último informe do Observatorio de Ingeniería de España, do total de 750.000 profesionais deste ámbito, só o 20% son mulleres. Para reflexionar sobre os motivos desta baixa representación feminina, arrancou unha mesa redonda de carácter interxeracional, no que cinco mulleres relacionadas cos ámbitos aeronáutico e espacial conversaron sobre as súas vivencias e inquedanzas como enxeñeiras: Cristina Cuerno Rejado, catedrática da UPM e directora da Escuela Técnica Superior de Ingeniería Aeronáutica y del Espacio (ETSIAE) da UPM; Elena Beatriz Martín Ortega, coordinadora do Máster universitario en Enxeñaría Aeroespacial da UVigo; Laura Rodríguez Rodríguez, enxeñeira de Telecomunicación pola Uvigo e actualmente en Airbus Defence and Space, e Uxía García Luis, investigadora de atlanTTic e primeira doutora en Enxeñaría Aeroespacial pola UVigo. Da man da investigadora de atlanTTic e profesora da EET, Edita de Lorenzo, as invitadas intercambiaron puntos de vista e experiencias persoais acerca de múltiples aspectos sobre a presenza e o rol feminino nos ámbitos tecnolóxicos, a igualdade de oportunidade en España e noutros países de Europa; situacións de discriminación no ámbito laboral, etc.
Trala mesa redonda, tanto as relatoras como o público tiveron a ocasión de debater sobre os diferentes aspectos tratados ao longo da mañá. A xornada pechouse coas intervencións de Yolanda Blanco Fernández, subdirectora de atlanTTic, e Edita de Lorenzo, que animaron ás e aos asistentes a participar nas vindeiras sesións que se organizarán neste ciclo.
As experiencias persoais de cinco enxeñeiras protagonizaron o inicio do ciclo de atlanTTic Conectando en igualdade
Compartir Este Artigo

