As galegas Torusware, AMSLab e Sigilum impulsan un proxecto sobre reciclaxe e industria 4.0 circular

venres, 5 de marzo do 2021 Redacción

Torusware, nova firma innovadora creada por un equipo de investigadores do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC), forma parte do consorcio galego que investiga unha técnica de análise para incorporar material reciclado á industria 4.0 circular. O proxecto denominado TACTICS (Novas Técnicas de Control para a Transición Industrial cara a unha Economía Circular Segura) foi posto en marcha xunto con outras dúas empresas galegas, AMSLab e Sigillum.
Segundo informan as empresas responsábeis da iniciativa, trátase do único consorcio en Galicia que obtivo financiamento no programa Misións CDTI. A maiores, de entre máis de 100 consorcios solicitantes, só 8 agrupacións de pemes conseguiron financiamento en España.
O obxectivo do proxecto TACTICS é demostrar a viabilidade e idoneidade de novas técnicas de análise química para facilitar a incorporación de materiais reciclados á cadea de valor da industria 4.0 circular.
TACTIS despregarase durante 29 meses co obxectivo definido de desenvolver unha nova técnica de análise química para verificar se son o que din ser materiais que se etiquetan como reciclados, rexenerados ou sustentábeis. “Esta técnica podería chegar a aplicarse na industria agroalimentaria, cosmética, téxtil ou do plástico”, explican, engadindo que unha das vantaxes de TACTICS é que utiliza unha técnica económica, a partir da resonancia magnética nuclear, que se complementa con Intelixencia Artificial e Big Data. A iniciativa conta cun orzamento de case 1,6 millóns de euros.

PUBLICIDADE