As illas de Jurassic World chegan ao Flight Simulator 2024

xoves, 7 de agosto do 2025 Redacción

O universo cinematográfico de Jurassic World dará o salto ao mundo virtual de Microsoft Flight Simulator 2024 coa chegada de Jurassic World: Archipelago, un novo contido adicional desenvolvido por Orbx en colaboración con Universal Products & Experiences.
A expansión permitirá aos xogadores sobrevoar e explorar con liberdade Isla Nublar, Isla Sorna e o arquipélago de Las Cinco Muertes, situados fronte á costa oeste de Costa Rica. Estas illas, recreadas con gran nivel de detalle, ofrecen un territorio cheo de desafíos: pistas de aterraxe complicadas, vexetación frondosa, estruturas do parque temático e incluso dinosauros en liberdade.
Jurassic World: Archipelago foi deseñado co mesmo coidado polo realismo polo que se caracteriza a empresa, permitindo aos pilotos virtuais internarse nos recunchos máis agochados das illas e experimentar unha mestura de aventura e simulación aérea sen precedentes.
O lanzamento está previsto en primeiro lugar para a versión de PC de Microsoft Flight Simulator 2024, a través da plataforma OrbxDirect. Posteriormente, chegará tamén a Xbox, Microsoft Flight Simulator 2020 e X-Plane.

Vídeo promocional do novo contido para o Flight Simulator