As mulleres emprendedoras galegas derruban estereotipos no Día das Nenas nas TIC

xoves, 25 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

Hoxe celébrase o Día das Rapazas nas TIC, que conmemora as importantes contribucións femininas ao ámbito dixital e que, tamén, achanda o camiño para convidar ás nenas e ás mozas a percorrer a sempre cambiante (e interesante) camiño da innovación. A xornada, unha declaración de loita contra a desigualdade académica e profesional TIC, vén da man do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Secretaría Xeral de Igualdade e GAIN. As actividades desenvolvéronse (e desenvólvense tamén pola tarde) na sede do CESGA, cunha manchea de institutos de secundaria participando in situ ou a través de multi-conferencia (en streaming).
O Día das Rapazas nas TIC, para quen non o saiba, é unha conmemoración que abrangue unha manchea de países e unha manchea de entidades comprometidas con motivar ás mozas a apostaren polas novas tecnoloxías como vieiro formativo, investigador e profesional. Para celebrar a vertente galega da xornada participaron no CESGA catro mozas galegas representantes do noso tecido empresarial innovador e tecnolóxica: catro mulleres que investigan, traballan e emprenden coas TIC, que contaron cadansúa experiencia e responderon ás preguntas dos centros educativos conectados.

JPEG - 119.5 KB
Mesa inaugural da xornada con Susana López Abella, secretaria de Igualdade, Patricia Argerey, directora de GAIN, Mauro Dabouza, director do CESGA, e María José Malmierca, coordinadora da área de eLearning do CESGA

Previamente, no acto de inauguración, interviñeron Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación, e Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade. Argerey fixo un chamamento a traballar pola promoción das carreiras tecnolóxicas entre as rapazas, aínda que recoñeceu que “algo está a cambiar, positivamente, cando as mozas do noso tempo teñen a posibilidade de saber quen eran Ada Lovelace ou Ana María Prieto”, programadoras pioneiras (a primeira no marco histórico mundial e a segunda no eido galego) amais de referentes da importante contribución feminina ao ámbito TIC. Abella, pola súa banda, salientou a importancia do Día das Rapazas nas TIC para dotarnos de referentes e favorecer o intercambio de experiencias entre as mulleres emprendedoras e as rapazas, e tamén entre as mulleres emprendedoras e os rapaces”.
Segundo advertiu, o número de mulleres que traballan na contorna das novas tecnoloxías non supera no mundo o 20%. “Está claro que hai un nicho importante de traballo aquí”, comentou.
As profesionais e emprendedoras participantes na xornada do CESGA foron as seguintes:
· Pilar Vila Avendaño. Enxeñeira informática, analista forense e perito xudicial informático. É directora executiva (CEO) da empresa Forensic-security.com, experta en ciberseguridade e integrante do Colexio Oficial de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG). Na súa quenda, Pilar explicoulles ás nenas e nenos en que consiste o seu traballo, un labor encadrado no ámbito da ciberseguridade e a protección tecnolóxica, que son, dixo, dous dos eidos profesionais de meirande proxección na actualidade. “Se vos gusta investigar e tendes curiosidade e inquietude”, díxolles aos escolares, “entón este da investigación forense, a investigación e a peritaxe será o voso traballo ideal”. E engadiu: “Non é un camiño trillado e todos os días descubriredes cousas novas”.
· Sonia Valladares Rodríguez. Enxeñeira en Telecomunicacións pola UVigo, investigadora en biotecnoloxía, especialmente na aplicación de aprendizaxe máquina (Machine Learning), TIC e técnicas de ludificación na detección precoz da deterioración cognitiva. Na cita deste 25 de abril, Sonia fixo un percorrido pola experiencia do seu equipo botando man de diversas tecnoloxías avanzadas (serious games, gamificación, Intelixencia Artificial) para detectar doenzas cognitivas e favorecer a estimulación, a motivación e a calidade de vida das persoas maiores. “Paréceme importante espertar as vocacións tecnolóxicas nas nenas e nenos porque o que facemos neste ámbito son cousas prácticas que melloran o día a día da xente”, dixo.
· Mercedes García Rodríguez. Tradutora, desenvolvedora de software, co-organizadora de GalsTech e co-impulsora de 1Millionbot, empresa de desenvolvemento de chatbots de conversa e comunicacións. É unha dos tres Google Developer Experts de Galicia e a primeira muller en selo. Mercedes comezou a súa intervención facendo un percorrido pola súa vocación tecnolóxica, que se remonta á nenez, pero que colleu un importante impulso coa súa adicación recente ao desenvolvemento de tecnoloxías de asistencia e ao servizo das persoas. Segundo apuntou, o seu traballo actual con chatbots (sistemas de Intelixencia Artificial de voz e de texto) valeulle para ver que se trata dunha contorna de traballo de gran potencial, para a que fai (e fará) falta un importante número de novos profesionais.
· Bertha Caro. Directora da Área de Desenvolvemento Corporativo de Tecalis (Ames), impulsora de solucións tan relevantes como Signen KYC, quiosco dixital con sinatura online que emprega técnicas de seguridade avanzada mediante cadea de bloques, a tecnoloxía Blockchain. Caro, que substituíu na mesa á súa compañeira Leticia Faria de Pazos, comezou a súa intervención animando ás rapazas a emprender o camiño da innovación tecnolóxica, un camiño que non ten límites, explicou, e que se pode iniciar e percorrer dende Galicia e dende lugares como Ames (sede de Tecalis), concello que destaca polo seu pulo innovador e que recentemente foi recoñecido co distintivo de Cidade da Ciencia e da Tecnoloxía, destacou. Neste punto, salientou o talento e o capital humano das e dos profesionais da nosa terra e lembrou que nunha empresa como Tecalis hai moitos labores interesantes que realizar amais de programar. “Todas as mulleres en Tecalis temos postos de responsabilidade, afrontando proxectos para clientes moi grandes, aos que axudamos a levar a cabo con éxito a súa transformación tecnolóxica”.

Axenda de actividades

· 11:00-11:05 Benvida por parte da directora da Axencia Galega de Innovación e presidenta do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Patricia Argerey Vilar.
· 11:05-11:10 Intervención da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella.
· 11:10-11:45 Transmisión por streaming do coloquio cos centros educativos. Visión e experiencia de catro galegas que traballan, emprenden e investigan empregando as novas tecnoloxías.
· 11:45 Intervencións de alumn@s dende os centros educativos participantes conectados.
· 12:15-12:30 Fallo do xurado das propostas gañadoras no concurso #ApuntasTech?
· 12:30-13:30 Visita didáctica ao corazón do Supercomputador Finis Terrae e obradoiros tecnolóxicos para as/os participantes na xornada.
· 17:00-19:00 Visitas didácticas ao corazón do Supercomputador Finis Terrae, talleres creativos e tecnolóxicos dirixidos principalmente a mozas e mozos de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º da ESO: programación, Realidade Aumentada e Virtual, Impresión 3D, robótica maker, etc.

PUBLICIDADE