As mulleres serán protagonistas na nova edición do Carballo Interplay
martes, 12 de marzo do 2019
O
Carballo Interplay,
festival galego de contidos audiovisuais online, segue a dar
que falar. Con motivo das reivindicacións do pasado 8 de marzo (Día
Internacional da Muller), as organizadoras do certame lembraron que o
programa de actividades e proxeccións vai estar ateigado de humor
feminista. A achega de ingredientes complétase cunha boa ración de
sororidade e de videoxogos dende unha óptica feminina. Para quen non
o saiba, a sororidade alude ás frontes comúns creadas entre as
mulleres para facer desaparecer as múltiples fendas (dixitais,
sociais, económicas, tecnolóxicas) que as separan aínda dos homes.
O
programa de Carballo de Interplay rebordará, neste senso, de voces
femininas. Por exemplo as das cómicas arxentinas Malena Pichot e
Charo López, que son referentes do humor e da crítica nas redes
sociais, onde xuntan millóns de seareiros e seareiros. Segundo
informa a organización do CIP, “despois de acadar o éxito global
hai dez anos cos seus vídeos cómicos, Pichot e López percorren o
mundo cun show de humor con trazas de musical fallido,
Hermostra, que se poderá ver en Galicia por vez primeira o
venres 5 de abril no Pazo da Cultura de Carballo”.
O
espectáculo das cómicas arxentinas son será o único contido
feminista desta nova edición do Carballo Interplay. O festival de
contidos dixitais pon o foco, unha vez máis, nas mulleres creadoras
e xuntará tres nomes de referencia no audiovisual dixital (Anabel
Lorente, Lula Gómez e Rocío Quillahuaman) para falar de como a
devandita loita de sororidade nas redes une e fai máis fortes a
mulleres de todas as idades e de todo o mundo. “E máis agora, que
o feminismo deu un golpe na mesa global para facerlle fronte á
violencia machista e ao patriarcado”, engaden as organizadoras do
festival bergantiñán, recordando que Anabel, Lula e Rocío
compartirán faladoiro no certame con Isabel Cano, investigadora e
desenvolvedora de videoxogos, amais de responsábel dos obradoiros de
Girls Make Games en España e colaboradora activa en FemDevs. Cano
ofrecerá a palestra Nin musas nin segundonas: as mulleres que
crearon a industria do videoxogo, homenaxe ás mulleres que
forman e formaron parte da industria do desenvolvemento deste tipo de
lecer dixital, e máis un obradoiro de balde de creación de
videoxogos para rapazas destinado a nenas de 10 a 13 anos.
Completarán
o programa formativo desta edición o Campamento Kamikaze e mais a
clase maxistral gratuíta Como crear para unha canle de YouTube?,
a cargo da directora de proxectos da canle Tik Tak Draw.