As mulleres tech serán as protagonistas da Ourense ICC Week

xoves, 22 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

En maio, do 2 ao 5, chega unha das grandes citas galegas coa creatividade e a innovación, a cuarta entrega da Ourense ICC Week. O evento sobre industriais culturais e creativas de Ourense, organizado pola Deputación, contará novamente (coma nas anteriores edicións) cun importante recanto adicado ás novas tecnoloxías da información. Desta volta, o recanto das TIC enriquecerase e cubrirá novos horizontes coa entrada en xogo dunha óptica feminina: a das mulleres tech. Trátase da xornada Unha viaxe cara a Sociedade do Coñecemento, prevista para o 4 de maio.
Neste encontro coa cultura dixital participarán mulleres referentes e expertas en tendencias de máxima actualidade como por exemplo a realidade virtual, a realidade aumentada, o mundo do software, a chamada gamificación (aplicar en actividades da vida real metodoloxías propias dos videoxogos, estimulando a creatividade e a cooperación) ou a economía colaborativa.
Nesta xornada de mulleres tech, Sara Rodríguez, Cynthia Gálvez e Luz Castro contarán de primeira man o que están a facer e mostrarán o que está por vir en materia de tecnoloxías e, por suposto, en materia de tecnoloxías impulsadas dende o ámbito feminino e con vontade de romper calquera fenda de xénero, incluídas as dixitais.
Por outra banda, na mesma xornada do 4 de maio o presidente da AGAG (Asociación Galega de Guionistas), Nico Campos, falará das novas sobre o futuro dos contidos, os guións e a dirección, achegando as vivencias do sector da man da da directora e escritora, Gracia Querejeta, autora de filmes tan destacábeis como A derradeira viaxe de Robert Rylands ou a máis recente Felices 140.

PUBLICIDADE