As nosas universidades impartirán o ano vindeiro un mestrado internacional en visión por computador

xoves, 30 de xullo do 2020 S. P.

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC vén de lembrarnos que o vindeiro curso impartirase o novo Máster Internacional Universitario en Visión por Computador nas Universidades da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo e Porto (Portugal). Este mestrado é de especial interese para ampliar a formación e capacidades no ámbito da visión por computador, tan demandado na actualidade por unha chea de sectores grazas aos avances tecnolóxicos no eido da aprendizaxe profunda (Deep Learning) e da Intelixencia Artificial en xeral.
Características do mestrado:
· Titulación oficial do EEES en España e Portugal.
· Docencia impartida na Coruña, con vídeo-conferencias desde outras universidades.
· Flexibilidade co formato presencial para compatibilizar co traballo.
· Prácticas en empresas ou centros tecnolóxicos especializados na visión por computador.
Para máis información cómpre visitar a web específica do mestrado. O prazo de inscrición comeza o 19 de agosto e finaliza o 31 de agosto. Máis datos sobre o proceso de preinscrición na web de Estudos da UDC.
No mestrado colaboran, entre outras empresas e entidades, o CITIC, o Centro Tecnolóxico Gradiant, Bosch, o Instituto Tecnolóxico de Galicia, o centro AtlantTIC, INESTEC, OESIA, o CiTIUS, Aimen, Bahía ou Imatia.

PUBLICIDADE