As tecnoloxías que nos fortalecerán fronte á crise centran a Maker Faire Galicia

mércores, 18 de novembro do 2020 S. P.

Este mércores 18 inaugurouse a edición 2020 da feira Maker Faire Galicia, a edición virtual dun dos grandes encontros da tecnoloxía participativa, construtiva e libre do ámbito galego, estatal e internacional. Na mesa de apertura do evento (que se estenderá até mañá) participou vía telemática o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, e máis o conselleiro de Economía Francisco Conde, entre outros relatores, coincidindo en sinalar o talento e a dixitalización como os piares que asentarán o progreso económico e tecnolóxico post-COVID.
“En Santiago”, sinalou Sánchez Bugallo, “unha cidade con máis de doce séculos de historia e unha universidade centenaria, fixemos unha aposta pola innovación, polas novas tecnoloxías, pola biotecnoloxía, especificamente como motores de crecemento e desenvolvemento, xa antes da crise”. Na súa opinión, a adversidade sanitaria, social e económica na que estamos mergullados ten que supor “un incentivo para intensificar e acelerar os esforzos que temos que facer, esforzos para os que serán claves a innovación, o emprendemento, o talento e a dixitalización”.
Aparte de Sánchez Bugallo, na mesa inaugural tamén participaron o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía da Xunta de Galicia, Francisco Conde; Marcos Saavedra, de MFG; Santiago Sesto, director de APD; e Ana Isabel Vázquez Reboredo, xerente da Cidade da Cultura.
Despois da mesa inaugural desenvolveuse unha charla sobre tecnoloxías para o mundo 5.0, na que especialistas en distintas áreas contaron como estas tecnoloxías poden cambiar o día a día.
A continuación, falouse sobre o papel das aceleradoras no ecosistema maker, unha mesa na que se puido coñecer como un proxecto pode chegar a converterse nunha gran empresa se recibe un bo apoio. A mañá pechouse coa mesa De Maker a Startup na que se presentaron algúns proxectos que pasaron pola Maker Faire Galicia en pasadas edicións, e que conseguiron converterse en verdadeiras Startups de éxito.
A xornada retomarase pola tarde cunha mesa sobre o impacto das novas tecnoloxías na alimentación e a saúde. Seguidamente celebraranse os primeiros pitchs dos proxectos seleccionados e que participarán na competición de proxectos. Tralos pitchs, a Maker Faire continuará cunha mesa adicada á dixitalización na industria da alimentación.

PUBLICIDADE