As unidades de proba do Galaxy Fold están a presentar problemas

mércores, 17 de abril do 2019 Marcus Fernández

O primeiro smartphone comercial con pantalla encartable, o Samsung Galaxy Fold, chegará a semana que vén ás tendas, pero xa hai bastantes unidades repartidas entre xornalistas e creadores de contidos para que poidan realizar as pertinentes probas do dispositivo, o que podería converterse en toda unha crise de reputación para Samsung por mor do que parece ser un simple problema de etiquetaxe: as unidades de proba non inclúen unha advertencia que indica que non debe retirarse o plástico protector da pantalla (aviso que si estaría presente nas unidades distribuídas a través de T-Mobile).
Nestes días son moitos os vídeos publicados en YouTube nos que realizan unboxings e divulgan primeiras impresións do Galaxy Fold, e precisamente os creadores deste tipo de vídeos, e algún reporteiro de medios tradicionais, están a advertir de que a pantalla da súa unidade rompeu, o que semella moi grave xa que falamos de unidades que nalgún caso non tiñan nin un día de uso, e dado que o produto ten un prezo de mercado de 1.980 dólares confíanse en que a súa construción sexa moi robusta.
Até o momento temos que celebridades do sector tecnolóxico como Mark Gurman (Bloomberg), Marques Brownlee e Steve Kovach (CNBC) estarían a padecer os problemas coa pantalla do Galaxy Fold que Samsung lles subministrou, e aínda que nos casos de Gurman e Brownlee todo apunta a que o problema provén de ter retirado o protector da pantalla, dende a CNBC aseguran que a súa pantalla rachou sen ter retirado a película protectora.
Samsung xa está a investigar o acontecido, e teremos agora que agardar para ver se realmente os problemas detectados afectan ás unidades que comezarán a venderse dentro dunha semana, ou tratarase dunha pequena incidencia sen grandes consecuencias.

Ao parecer, o Galaxy Fold enviado á CNBC ten a pantalla rota pese a conservar a súa película protectora

PUBLICIDADE