Até 200 especialistas en ciberseguridade participan esta semana en Vigo nas JNIC organizadas por atlanTTic e Gradiant
xoves, 22 de xuño do 2023
As VIII
Jornadas Nacionales de Investigación en Ciberseguridad inauguráronse
este mércores en Vigo, organizadas por atlanTTic, o Centro de
Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade
de Vigo, e polo centro tecnolóxico Gradiant, co apoio do Instituto
Nacional de Ciberseguridad (INCIBE). O evento, que se desenvolve até
este venres 23, está a contar coa participación de preto de 200
especialistas en protección tecnolóxica. Trátase da primeira vez
que se celebra en Galicia, tras o seu paso en edicións anteriores
por cidades como León, Granada, Madrid, Donostia, Cáceres e Bilbao.
As xornadas poñen o foco nas diferentes modalidades e vertentes da
ciberseguridade, “asuntos de Estado de máxima relevancia para as
empresas”, segundo fixo saber Juan Díez, responsábel de Saúde e
Investigación do INCIBE.
As JNIC teñen como finalidade concreta
xerar un foro de intercambio de coñecemento e experiencias no ámbito
da ciberseguridade entre persoal académico, investigador
e empresas. Así, as xornadas céntranse en tres eixos:
investigación, transferencia e innovación docente en
ciberseguridade a través de diversas sesións e mesas redondas.
Cuestións prioritarias
“Un asunto de Estado de máxima relevancia para as empresas”. Así
se referiu este mércores, a primeira hora da mañá, Juan Díez,
responsábel do Sector Estratéxico de Saúde, Alimentación e
Investigación do Instituto Nacional de Ciberseguridade de España,
INCIBE, ao concepto de ciberseguridade, unha cuestión que, tal e
como expuxo, cobra cada vez máis importancia, sobre todo se temos en
conta que a sociedade actual vive “nunha contorna xeopolítica
complicada, na que o cibercrime é xa un dos grandes riscos globais”.
Fixo estas declaracións na inauguración das VIII Jornadas
Nacionales de Investigación en Ciberseguridad, JNIC, o encontro máis
importante que se celebra en España sobre avances, coñecemento e
innovación en ciberseguridade e no que participan 200 profesionais
chegados de diferentes puntos de toda a Península.
Unha cuestión estratéxica que marca a axenda científica de
atlanTTic
A inauguración do encontro celebrouse a primeira hora da mañá
deste mércores e nela coincidiron diferentes responsables de todos
os organismos implicados, dun ou outro xeito, na organización das
xornadas. Desde a Universidade de Vigo contouse coa participación da
vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica
Valderrama, e do director de atlanTTic, Martín Llamas. Ambos fixeron
fincapé na grande oportunidade que supón esta xuntanza para
visibilizar o potencial investigador e de transferencia que aglutina
atlanTTic. “Sen dúbida o encontro favorece a difusión nun ámbito
de tanta relevancia e actualidade como é este. Titulares
espectaculares ao redor de quebras de sistemas e ameazas globais
inquietan a unha cidadanía consciente de que a súa vida cotiá
pódese ver afectada se non se garante unha estabilidade neste
sentido”, recalcou a vicerreitora.
A maiores, Martín Llamas, explicou que a ciberseguridade é unha das
tres grandes áreas estratéxicas que vertebran a axenda científica
de atlanTTic, xunto ás comunicacións e os servizos dixitais. “O
noso labor investigador céntrase en dar resposta aos grandes retos
en conectividade, dixitalización e ciberseguridade, sendo este
último ámbito un vector transversal ás nosas áreas de
investigación, no que levamos traballando desde a creación do
centro, no 2010, e onde nos últimos anos nos consolidamos como
referentes, grazas á excelencia científica do noso persoal
investigador, aos proxectos e colaboracións de referencia a nivel
internacional, ou a iniciativas tractoras impulsadas en tecnoloxías
como a criptografía e comunicacións cuánticas a través do Vigo
Quantum Communications Center, VQCC”.
“Vivimos un momento de oportunidade histórico”
Pola súa banda, Luís Pérez, director xeral de Gradiant, salientou
que a sociedade non se pode permitir que a investigación quede
gardada nos caixóns. “Vivimos un momento de oportunidade histórico
para impulsar o sector da ciberseguridade no noso país, e ese
impulso ten que vir da man da innovación tecnolóxica”, subliñou
o responsable de Gradiant, ao que engadiu que é crucial que se
realice investigación de calidade e canalizar os resultados á
industria, e este é, ao seu xuízo, o papel no que se deben
focalizar os centros tecnolóxicos, facéndoo sempre en colaboración
cos axentes da contorna, tanto do ámbito público como do privado.
“As JNIC son unha grande oportunidade para visibilizar estas
cuestións e poñer en contactos a todos os axentes necesarios”.
A inauguración das xornadas contou tamén coa participación do
director da área de Infraestruturas e Seguridade da Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Adrián Lence, quen
destacou a aposta da Xunta por actuacións “que teñen como fin
común a potenciación e o despregamento da ciberseguridade de
maneira transversal para toda a Comunidade”. Citou, entre outros, o
Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, que congrega a máis de 55
entidades públicas e privadas, e anunciou a próxima presentación
da Estratexia Galega de Ciberseguridade e a creación do Centro de
Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, CECIGA”.
Tecnoloxías disruptivas, ciberseguridade e tecnoloxías cuánticas
O programa das xornadas inclúe dúas charlas maxistrais con
especialistas de máximo nivel. A primeira celebrouse este mércores
e correu a cargo de Mordechai Guri, experto informático e
investigador en seguridade. Impartiu a conferencia Air-Gap
Security: Attacks and Defense, na que abordou as principais
canles de ocultación para a comunicación con redes fisicamente
illadas. O vindeiro venres, Carmela Troncoso, egresada da Escola de
Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e doutorada
na KULeuven e Associate Professor en EPFL (Suíza), abordará no seu
relatorio Privacidade por deseño: do papel á práctica,
distintas interpretacións desta filosofía de deseño de sistemas
dixitais, con exemplos de uso de tecnoloxías deseñadas para
mellorar a privacidade (Privacy Enhancing Technologies)
combinadas con sistemas que permiten funcionalidades complexas sen
necesidade de colleitar nin procesar datos.
Ademais das dez sesións que inclúe o programa, nas que se presentan
os traballos seleccionados para participar nas xornadas, levaranse
tamén a cabo dúas mesas redondas que permitirán conversar sobre
Tecnoloxías disruptivas e o rol da ciberseguridade, así como
o horizonte en tecnoloxías cuánticas.
Entrega de premios
Como novidade nesta edición, recolléronse desafíos tecnolóxicos
para ser incluídos na competición de adestramento tipo Captura a
Bandeira, que finalizou o día 12 de xuño, e cuxos gañadores
recibirán os seus premios durante as propias xornadas. A maiores,
outorgaranse tamén diversos premios aos mellores artigos de
distintas categorías e ás mellores solucións propostas aos retos
do Programa de Transferencia JNIC. Por outra banda, terá lugar a
entrega de premios da V edición de Premios RENIC á mellor Tese de
Doutoramento e ao mellor Traballo Final de Máster en
Ciberseguridade, dando a posibilidade aos gañadores ou gañadoras de
presentar os seus traballos durante as xornadas.
JNIC conta co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de
Galicia (AMTEGA), o Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, o
Consorcio da Zona Franca de Vigo, Seresco, Plexus Tech, a Cátedra R
en Ciberseguridade, RENIC (Rede de Excelencia Nacional de
Investigación en Ciberseguridade), Eviden, Optare Solutions,
Viewnext e CITIC, Centro de Investigación en Tecnoloxías da
lnformación e as Comunicacións.