Auga Seca estará dispoñíbel en HBO España e HBO Portugal a partir do 1 de abril

venres, 6 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Seguimos dando conta de grandes fitos da nosa ficción, fitos que teñen que ver coas novas canles polas que discorre o audiovisual até espectadores de todo o mundo. Se os meses pasados falamos do éxito internacional de O sabor das margaridas na canle Netflix e da segunda tempada de Hierro para Movistar+, hoxe puidemos saber que a serie galego-portuguesa Auga Seca vai estar dispoñíbel no outro gran xigante dos contidos en streaming para o fogar: HBO. Auga Seca, thriller rodado en Vigo e Lisboa, poderá verse en HBO España e máis en HBO Portugal.
A serie, creada por Alfonso Blanco e protagonizada por Victoria Guerra, Monti Castiñeiras e Sergio Pazos, terá dispoñíbeis todos os seus episodios (seis) para os subscritores da plataforma nos dous países a partir do 1 de abril.
Rodada orixinalmente en galego e en portugués, Auga Seca é a primeira serie en lingua galega que se incorpora ao catálogo da plataforma, que tamén ofrecerá versión dobrada ao castelán e con subtítulos en español e en inglés. Coa incorporación ao catálogo de HBO España e Portugal desta ficción, desenvolvida pola produtora galega Portocabo e co-producida xunto á portuguesa SP-i, Auga Seca avanza na súa difusión internacional a través da distribuidora británica DCD Rights.

PUBLICIDADE